Rebordan os servizos da Axencia Tributaria no seu primeiro día de vida telemática

martes, 5 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Os servizos dixitais da Axencia Tributaria botaron fume onte perante o importante número de internautas que buliron para ir preparando o terreo das súas respectivas devolucións. De feito, e tal e como avanzamos en Código Cero, xa abriu (até o 27 de xuño) o prazo para que os cidadáns poidan solicitar o borrador da Renda 2010, a nivel presencial e (como novidade) tamén por Internet ou a través dos teléfonos móbiles que habilita a Axencia Tributaria. A principal vantaxe disto último, como se pode supoñer, é a mesma que a dos restantes servizos da Administración Electrónica: non teremos que pisar para nada o chan da propia Administración. Polo tanto, estaremos en disposición de obter os borradores, modificalos e confirmalos sen agardar a que cheguen por correo ordinario. En base a isto, as devolucións faranse de contado.
De feito, prevese que comecen a chegar aos seus destinatarios a partir desta semana. O gran obxectivo da Axencia Tributaria con estes recursos postos en xogo é axilizar todo o proceso administrativo, de consulta e de cobro. A posta en marcha destes servizos deu resultado no que a convocatoria de cidadáns se refire: nunca antes se rexistraron tantas chamadas (60.000 no primeiro día) e tantas confirmacións do borrador da Renda (unhas 7.600 na primeira xornada do proceso). Tendo en conta isto, houbo intres do día en que literalmente os servizos dixitais da Axencia Tributaria botaron fume. Segundo se nos conta dende Xornal.com reflectindo informacións do Goberno, no intre máis alto da dita actividade recibíronse até 1.000 peticións do borrador por minuto.
Os requirimentos que se piden para realizar o devandito proceso pola vía telemática son os seguintes: comunicar o número de identificación (NIF), o importe do recadro 698 da declaración do exercicio 2009 e máis o número de móbil no que queiramos que apareza o SMS o número de referencia.
Con esta cifra poderemos ter acceso aos datos fiscais e ao borrador, o que nos permitirá decidir se queremos confirmalo ou mudalo.
Cómpre lembrar que o prazo para presentar a declaración remata o 30 de xuño.
A solicitude do dito bosquexo da declaración remata o 27 de xuño, e pódese facer a través dos medios telemáticos habilitados de xeito específico ou ben por teléfono (901 200 345 ó 901 121 224), ou de xeito presencial, en calquera delegación de Facenda.
Amais do devandito, cómpre ter en conta que non toda a cidadanía está obrigada a facer a declaración. De feito, non ten que facela quen obtivera en 2010 rendementos íntegros do traballo co límite xeral de 22.000 euros anuais, procedendo dun único pagador.

PUBLICIDADE