Rebaixa por tempo limitado das subscricións anuais a Xbox LIVE Gold

venres, 6 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios que queiran xogar en rede coa Xbox 360 precisan dunha subscrición Gold ou de pago, e para fomentar o uso desta rede que xa conta con 17 millóns de usuarios Microsoft lanza por tempo limitado unha oferta coa que é posible contratar 12 meses de subscrición por 49,99 euros, 10 euros menos que o seu prezo habitual, polo que sairía a uns 4,17 euros/mes fronte aos 6,99 euros que custaría unha subscrición mensual indivisual.
De todos os xeitos cómpre advertir de que é relativamente doado adquirir a través da Internet subscricións de 13 meses a Xbox LIVE Gold por uns 35 euros (2,7 euros/mes), polo que pagar por xogar en rede é bastante máis barato do que un poida pensar nun principio, coa vantaxe de que iso garante unha calidade de servizo que non dan plataformas de balde coma PlayStation Network (que ten moitas queixas por parte dos seus usuarios).
Amais, os usuarios Gold de Xbox LIVE poden optar á descarga de contidos exclusivos (como algunhas cancións para títulos musicais), así como facerse coas demos antes que os usuarios Silver (de balde).

PUBLICIDADE