ReAcciona e ReAcciona TIC fornecen servizos a máis de 350 empresas galegas

luns, 27 de febreiro do 2017 Redacción

Presentación dos programas Reacciona e ReaccionaTIC da man do IGAPE e máis de AMTEGA

A axencia AMTEGA e máis o IGAPE veñen de facer reconto do número de empresas que está a tirar partido dos recursos para a dixitalización que fornecen os seus programas ReAcciona e ReAcciona TIC. Trátase, sinalan, de 362 firmas galegas. Segundo engaden os dous organismos da Xunta, a través da participación destas entidades nos devanditos programas, estanse a pór ao seu alcance 420 servizos avanzados a prol do incremento da súa competitividade e produtividade, en ámbitos como o relanzamento comercial ou a xestión financeira, a incorporación de solucións dixitais ou da chamada Industria 4.0.
Polo que atinxe a ReAcciona, impulsado polo IGAPE, aprobáronse 315 solicitudes correspondentes a 295 empresas que apostan por mellorar a súa competitividade mediante servizos de asesoramento para o relanzamento comercial; de mellora da xestión financeira e procura de financiamento; optimización da produción e cadea loxística; ou de posta en marcha dun plan estratéxico de mellora.
Ao abeiro do programa ReAccionaTIC, promovido conxuntamente polo IGAPE e a AMTEGA, aprobáronse até o de agora 105 servizos correspondentes a 94 empresas. Segundo informan estes dous organismos, entre os servizos máis requiridos polas PEME da nosa terra están os seguintes: os de soporte á implantación de solucións de mercadotecnia dixital, os de mellora da xestión empresarial mediante solucións dixitais innovadoras e os de diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa, e para localizar capacidades e oportunidades mediante aplicacións de solucións 4.0.
Por actividade de seu, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia informa que a terceira parte das firmas participantes no dito programa adícanse ao fornecemento de servizos a outras empresas, mentres que o 24% facilitan outros servizos, o 19% teñen actividade industrial e o 11% corresponden ao sector da hostalería ou ao comercio polo miúdo. O 63% das empresas beneficiarias teñen menos de 6 empregados, mentres que o 17% teñen entre 6 e 15 traballadores e o 14% teñen entre 16 e 50.
Reacciona TIC, amais do devandito, brinda un catalogo de solucións para impulsar a Industria 4.0 con servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e, en palabras de AMTEGA, “a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución”. A idea de todo isto é que as nosas PEME “poidan acceder ao asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e ás oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0”.
No ámbito da empresa dixital o Programa Reacciona TIC ofrece servizos de elaboración da diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa, así como de soporte á implantación de solucións dixitais de mobilidade, de mellora da xestión empresarial ou de mercadotecnia dixital.
AMTEGA e o IGAPE, por último, lembran que o vindeiro 28 de febreiro remata o prazo de presentación de solicitudes para as vixentes convocatorias dos programas ReAcciona e ReAcciona TIC, que irán seguidas doutras convocatorias en datas próximas.

PUBLICIDADE