ReAcciona contribúe ao impulso de 723 proxectos de mellora de competitividade

luns, 15 de marzo do 2021 Redacción

A Xunta aprobou a concesión das axudas da última convocatoria de 2020 do programa ReAcciona, que permitirá mobilizar 800.000 euros en 191 proxectos para mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas. Con esta resolución son 723 os proxectos apoiados por esta liña durante o pasado ano, cunha achega global de axudas de preto de 2,8 millóns de euros que permitirán mobilizar 3,14 millóns.
ReAcciona ten o obxectivo de axudar ao tecido empresarial a afrontar os novos retos deixados pola COVID-19, accedendo a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en reorganización estratéxica e operativa de negocios, profesionalización, dixitalización e innovación.
Entre os proxectos que se veñen de aprobar na última das convocatorias de 2020, destacan o asesoramento para o financiamento da innovación, protección da innovación, a mellora da xestión financeira e procura de financiamento; a análise do potencial competitivo; a definición e implantación dunha estratexia de ciberseguridade para a peme e o asesoramento para o relanzamento comercial.
Por sectores, ao redor dun 38% dos apoios aprobados desenvolveranse no ámbito dos servizos, un 29% no comercio, un 20% na industria, un 9% na construción e un 4% na hostalería.
Na iniciativa colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e conta co co-financiamento do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020. Enmárcase no Igape Responde, unha ferramenta que busca reforzar os servizos de acompañamento aos colectivos empresariais máis vulnerables ante a actual situación económica.

PUBLICIDADE