Rdio permite probar o seu servizo de música por streaming de balde durante 6 meses

martes, 29 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

O servizo de música en streaming Rdio anunciou que a súa oferta de 6 meses de balde para usuarios estadounidenses amplíase a 14 países máis entre os que se inclúe España, de xeito que xa é posible acceder de xeito gratuíto ao seu catálogo de máis de 18 millóns de cancións para a súa reprodución sen anuncios nin interrupcións a través da web, as redes sociais e os dispositivos móbiles (ao parecer, dende España a versión ilimitada en probas só está dispoñible durante 7 días). Outros países aos que tamén chega esta promoción son Canadá, Reino Unido, Australia, Bélxica, Dinamarca, Estonia, Finlandia, Francia, Países Baixos, Nova Zelandia, Noruega, Portugal e Suecia, esperándose que chegue máis adiante tamén a Brasil e Alemaña.
Rdio permite buscar música de todo o seu catálogo e formar coa mesma listaxes de reprodución, conta con funcións sociais e pode sincronizarse con dispositivos móbiles. Nos escritorios informáticos pode empregarse vía web ou con aplicacións para Windows e OS X, en mobilidade conta con aplicacións para iOS, Android e Windows Phone (en BlackBerry funciona vía web) e incluso é compatible con algúns sistemas multimedia domésticos como as solucións de altofalantes de Sonos ou o reprodutor multimedia Roku.
Tras a proba durante 6 meses Rdio estará dispoñible en dúas modalidades de pagamento: acceso dende o escritorio por 4,99 euros/mes e acceso tanto fixo como móbil por 9,99 euros/mes.

PUBLICIDADE