Rapaciñ@s trae a David Calle á súa gran cita do 6 de maio

martes, 2 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

David Calle, creador de Unicoos, na súa intervención na primeira edición do DICO Summit, en Santiago

Para aquelas familias que tiñan en mente escoitar a David Calle e non tiveron oportunidade (a cita de Vigo organizada por Afundación o 28 de abril xa levaba días coas entradas esgotadas), sinalarlles que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) vai contar con el esta mesma semana, o 6 de maio, para (entre outras cousas) axudar ás nenas e nenos (e ás nais e aos pais) no seu camiño cara ao máis óptimo desenvolvemento persoal das súas capacidades (Calle é un férreo defensor da teoría cada vez máis aceptada de que o talento tecnolóxico e investigador está presente en todos e cada un de nós). A cita será na Cidade da Cultura, ao abeiro da terceira edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, unha iniciativa conxunta do CPEIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase, en palabras do CPEIG, dun “gran evento que combina actividades para as familias ao redor da seguridade na Internet e a creatividade nas novas tecnoloxías”.
A xornada, que se desenvolverá no Edificio CINC, arrincará ás 16.30 horas coa recepción dos asistentes aos obradoiros de robótica educativa, Sploder, Lego e Makey Makey con Scratch, dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos de idade. Os talleres contan co apoio das empresas Arkitas Robótica e Tech Academy. Segundo informa a organización, cómpre que as/os participantes nestas actividades acudan co computador de seu. Poden inscribirse previamente no formulario específico habilitado.
Namentres se desenvolven os talleres tecnolóxicos, os pais e nais (ou calquera outra persoa interesada) terán a oportunidade de asistir á charla Flipped classroom ou como darlle unha volta ás clases, a cargo de David Calle, fundador de Unicoos e TOP10 no Global Teacher Prize 2017. A presentación do relatorio arrincará ás 17.30 horas e correrá a cargo da directora da AMTEGA, Mar Pereira, e do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. A entrada á charla é libre ata que se complete o aforo.
David Calle, enxeñeiro de Sistemas de Telecomunicacións, é o creador de Unicoos.com, organización educativa sen ánimo de lucro amais dun sitio web referencial para a comunidade educativa científica e tecnolóxica. Está baseada na canle YouTube do mesmo nome, onde poden atoparse centos de vídeos de matemáticas, física, química e tecnoloxía, principalmente de contidos preuniversitarios (últimos anos de secundaria e bacharelato) e primeiros anos universitarios.
Para quen non o saiba, Unicoos é hoxe en día o primeiro portal educativo do ámbito español e o terceiro no mundo, con 700.000 subscritores en YouTube, 175.000 seareiros en Facebook e 30.000 en Twitter. Ademais, xa foron gravados ao abeiro desta iniciativa 700 vídeos cos recursos de seu da academia dixital.
Recentemente, Calle foi elixido Youtuber do Ano nos premios Bitácoras 2016 e elixido entre os 50 candidatos ao Global Teacher Prize, considerado o premio Nobel da educación.
Segundo lembra o colexio profesional que preside Fernando Suárez, cómpre que lembremos que aparte do gran evento previsto para o 6 de maio, o programa Rapaciñ@s percorrerá Galicia nos vindeiros meses “con máis de 20 charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís”. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas expresamente para eles co obxectivo de que se divirtan e aprendan.

PUBLICIDADE