Rafael Valcarce fai un percorrido pola súa relación coas TIC nun ambicioso libro colectivo

venres, 16 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Rafael Valcarce, presidente da empresa galega Arteixo Telecom, vén de facer un percorrido pola súa experiencia profesional, dende os comezos até a súa chegada á devandita compañía das Pontes, centrada principalmente na achega de recursos (aparellos, infraestruturas, servizos) de telecomunicacións e novas tecnoloxías do coñecemento. E faino como colaborador nun libro colectivo cuxo título fala por si só, Cómo la tecnología cambió mi vida, editado por JdeJ Editores co patrocinio de Telefónica.
A obra en cuestión, no que case medio centenar de salientábeis profesionais do eido español achegan un percorrido persoal por todos eses acontecementos ligados á vangarda e á modernidade que se converteron en encrucilladas vitais e persoais (profesionais entre os que se inclúe Ferrán Adriá, director de El Bulli, ou o galego Ramón Núñez, responsábel do Museo Nacional de Ciencia), conta ademais cun prólogo dun dos grandes divulgadores científicos da nosa era: Eduard Punset. O libro, que tamén inclúe colaboracións de representantes de empresas TIC de primeira liña (como HP, Microsoft ou Infojobs), achégase baixo licenzas solidarias de dereitos de autor. É dicir, os dereitos serán cedidos a organizacións sen arela de lucro. A obra foi presentada o pasado mes de novembro en Madrid.
Polo que atinxe á colaboración de Valcarce, dicir que consiste en liñas xerais nun percorrido pola súa traxectoria profesional, dende os seus primeiros pasos como arquitecto técnico primeiro e funcionario do Ministerio de Economía até a súa andaina en Arteixo Telecom, pasando pola súa actividade como director xeral de Medios da Xunta (intre no que tomou contacto co “apaixoante” mundo das telecomunicacións). Destes anos, Valcarce salienta o afianzamento “dunha marabillosa rede de comunicacións en Galicia que hoxe xestiónase en óptimas condicións dende Retegal e máis o convenio subscrito entre a Administración autonómica galega e Telefónica, no que por vez primeira se falou de telefonía rural”. A partir de aí, explica, veu a toma de contacto con Telettra (empresa que lle sorprendeu pola súa gran bagaxe de mercado e polo seu nivel de tecnificación) e con Arteixo Telecom, que lle serviu entre outras moitas cousas para “reconverterse do ladrillo ás telecomunicacións, moito antes de que este país, e case todos, entraran en crise”. Dentro desta compañía galega, sinala na súa achega ao devandito libro, tamén as TIC cambiaron a súa vida, ao igual que a propia Arteixo Telecom foi, tamén, mudando co tempo: “De ser só unha fábrica, hoxe subministramos os sistemas de comunicación tren-terra a ADIF e aos principais fabricantes ferroviarios; ademais, toda a rede Ibermic de Telefónica fabricouse nas nosas instalacións, así como os sistemas Wi-Fi en mobilidade para o transporte de viaxeiros das principais operadoras de autobuses de España son produtos deseñados pola nosa compañía, amosándonos como os primeiros do mundo en sacalos ao mercado”. Valcarce di sentirse orgulloso do persoal da empresa e confirma, tamén, que as TIC non son máis que ferramentas que, ben empregadas, axudan ao progreso e ao impulso da sociedade cara ao futuro.

PUBLICIDADE