Radio na Biblio xa está presente en preto 140 centros escolares

venres, 1 de abril do 2022 S. P.

O colexio plurilingüe de Riomaior, en Vilaboa, acolleu este venres 1 de abril a visita do director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesus Álvarez Bértolo, quen acudiu para comprobar o remate das obras da súa radio escolar. No acto, fixo balance do acadado xa por Radio na Biblio, que xa leva case un lustre “impulsando a destrezas do alumnado” e enchendo de podcasts as redes. Segundo dixo, o programa, que xa abrangue 138 centros educativos da nosa terra, obtivo “excelentes resultados”.
Experiencias recentes en Riomaior
As actuacións realizadas no colexio Riomaior permitiron trasladar a radio escolar a un novo espazo mellor habilitado e que está comunicado coa súa biblioteca. Conta cunha cabina insonorizada, que inclúe zona de locutores e de control e un espazo para situar un croma onde poder traballar as habilidades no eido audiovisual. Asemade habilitouse unha zona xogos de construción, entre outras novas funcionalidades. Esta iniciativa está en funcionamento neste colexio desde o pasado curso e mantén unha programación estábel coa que os máis de 100 alumnos participan realizando entrevistas, así como gravacións de diversos temas como pezas de actualidade, inventos, xogos, entre outras.
Plan LÍA de bibliotecas escolares
O programa Radio na Biblio é a iniciativa coa que a Xunta promove a creación de emisoras de radio nas bibliotecas escolares para impulsar as competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Enmárcase no Plan Lectura, Información e Aprendizaxe (LÍA) de bibliotecas escolares, a folla de ruta que guía as actuacións da Xunta nesta materia.
O novo Plan LÍA é a terceira fase desta iniciativa, que comezou en 2010 e que conta cun orzamento de 17M€ ata 2025.

PUBLICIDADE