RTVE mellora o seu servizo web de contidos audiovisuais baixo demanda

martes, 15 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Radio Televisión Española renova o seu servizo de televisión A la carta dispoñible a través da súa páxina web, permitindo o acceso non só á programación dos últimos 7 días, senón que busca abrir o acceso ao arquivo histórico da programación do ente público, de xeito que practicamente ten xa dispoñible os programas emitidos dende 2008, mentres que en espazos como Redes, Cámara Abierta e Informe Semanal a oferta de contidos é aínda maior (neste último caso incluso están dispoñibles reportaxes de 1980).
Pero non só os documentais e os informativos están accesibles a través de A la carta, senón que tamén as series producidas por TVE poden verse na renovación do servizo audiovisual que mellora a súa integración con plataformas alleas como Facebook ou Twitter, facilitando a recomendación de programas entre os nosos amigos.
Tamén incorpora funcións de personalización para que os usuarios poidan consultar o seu histórico de reproducións, marcar os seus vídeos favoritos e facer listaxes de pezas para a súa reprodución posterior.
O servizo audiovisual facilita o acceso a 1,3 millóns de horas de vídeo duns 160.000 programas, e ata o momento xera uns 3 Pbytes de datos ao mes, polo que podería ser a segunda web que serve un maior volume de contidos en España tras YouTube.
Tamén é destacable o feito de que A la carta tamén sexa compatible con dispositivos móbiles con iOS e Android, de xeito que facilítase enormemente o acceso aos seus contidos, liña na que poderían avanzar nos vindeiros meses, ampliando a cantidade de dispositivos dende os que poder reproducir os contidos de RTVE.


Promoción da renovación do servizo A la carta de RTVE

PUBLICIDADE