RIM achega algún detalles sobre o seu futuro sistema operativo móbil

mércores, 26 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Onte celebrouse en San José (California) a edición deste ano da BlackBerry Jam Americas, encontro que aproveitou RIM para amosar o aspecto final que terá a vindeira versión do seu sistema operativo móbil, o BlackBerry 10, que presentouse na súa terceira beta en dispositivos de proba, como adianto do que debería chegar ao mercado a primeiros de 2013, confiando a compañía de que esta aposta sexa a táboa de salvación da empresa que está a perder cota de mercado a pasos axigantados así como está a caer considerablemente en capitalización bolsista.
BlackBerry 10 vese como un sistema operativo móbil moderno, que amosa na súa pantalla varios marcos activos que corresponden ás aplicacións que teñamos en execución, que poden amosarse en formato reducido ou cunha aparencia diferente para actuar dun xeito semellante a widgets. Temos así que o novo sistema combina elementos que puidemos ver en iOS, Windows Phone e webOS, aínda que cunha prestación claramente diferenciada, o BlackBerry Hub, que serve para unificar o correo electrónico, Twitter, Facebook e LinkedIn, que tamén fará de centro de notificacións. No tocante a Facebook, durante o evento tamén presentaron a aplicación desta plataforma para BlackBerry 10, aínda que decepcionou ao fallar durante a súa demostración.
Esta nova plataforma busca conseguir o equilibrio entre a seguridade de uso na empresa e a facilidade de control para o usuario. Os desenvolvedores tamén contarán con numerosas vantaxes para rematar coa mala sona da plataforma de BlackBerry para a creación de aplicacións, de xeito que poderase empregar C/C++, Java, QT, Adobe Air e HTML5 para o desenvolvemento de aplicacións, o que facilitará a chegada de creadores de aplicacións no caso de que esta plataforma consiga ter unha boa aceptación comercial.


BlackBerry 10 amosado en vivo para Engadget


Durante a BlackBerry Jam, a xente de RIM dedicou aos asistentes un divertido vídeo musical protagonizado polos seus directivos

PUBLICIDADE