R suma novos fogares e empresas de Teo e Ames á cobertura da súa fibra óptica avanzada

venres, 11 de decembro do 2020 Redacción

A operadora galega R aumentou a cifra de fogares e negocios de Ames e Teo con posibilidade de conectarse á súa fibra óptica FTTH (polas súas siglas en inglés, fibra até o fogar). Os habitantes dos núcleos das Punxeiras Altas e Carballido, en Ames, e na rúa de Francos, en Teo, xa dispoñen de accesos ultrarrápidos a Internet de até 500 Mbps e poden desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R. O despregue destes equipamentos levouse a cabo “aproveitando ao máximo as infraestruturas destes lugares”.
Deste xeito, preto de 64 novos fogares e negocios de Ames e 40 de Teo ficaron preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R. Segundo informou a operadora, ao peche de ano estaremos a falar, nos dous concellos, dun total de 924 novas residencias particulares conectadas ás súas redes de última xeración (453 en Ames e 471 en Teo).
O operador galego lembra que leva anos investindo no fornecemento de rede nos dous municipios da comarca de Compostela, alén do Plan Avanza. Así, a día de hoxe xa dispoñen da cobertura das redes de nova xeración de R un total de 14.604 fogares e empresas de Ames e 4.050 de Teo.
Estas e outras actuacións na provincia da Coruña forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar, antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea.
En concreto, o despregamento nos ditos concellos da área compostelá encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo). Para estas actuacións, cun investimento total de 2,6M€ destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,09M€. Un segundo proxecto fala igualmente do fornecemento de banda larga de nova xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo). O investimento total neste caso é de 3,58M€, 2,86 deles subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. O terceiro dos proxectos adxudicados desenvolverase en 196 núcleos doutros municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). A cobertura nestas zonas suporá un investimento total de 3,75M€, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 3M€.

PUBLICIDADE