R suma 270 inmóbeis da Pobra do Caramiñal á súa nova rede de fibra óptica

martes, 14 de decembro do 2021 S. P.

O operador R vén de facer un novo balance dos seus traballos de despregadura na Pobra de Caramiñal, orientalos a incrementar o número de vivendas e empresas que contan coa fibra óptica avanzada que subministra a compañía de orixe galega, con todos os servizos que esta tecnoloxía pon en xogo: accesos de até 10 Gbps simétricos (de suba e de baixada), Wi-Fi 6 e TV con deco Android 4K sen ningún custe adicional. R sinalou que 270 novos inmóbeis dos núcleos de Ponte e Cabío teñen á súa disposición a dita tecnoloxía: 86 fogares e negocios en Ponte, e 184 en Cabío respectivamente.
A estas unidades dotadas con Internet de velocidade ultrarrápida súmanse os traballos análogos despregados previamente na Lomba, A Ponte Barbanza, Atalaia, Agros ou Mirandela. A previsión da compañía é de que “cando rematen as despregaduras enmarcadas no vixente Plan Avanza no que R traballa arestora, arredor de 4.200 fogares e negocios teranse unido xa á súa modernísima rede de fibra no concello da Pobra do Caramiñal”, pois aos conectados na contorna do Plan Avanza haberá que sumarlles os activados a raíz doutros desenvolvementos de rede que R vén realizando no municipio dende hai anos.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade ata o momento (as chamadas “zonas brancas”). No desenvolvemento do tres plans investirase un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, os traballos de fornecemento tecnolóxico na Pobra do Caramiñal enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 162 núcleos de concellos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo); o investimento total neste caso é de 3,58M€.

PUBLICIDADE