R repite á fronte das empresas do sector con menor número de reclamacións

venres, 21 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O operador galego R vén de situarse, por terceiro ano consecutivo, na parte máis alta da listaxe de empresas do sector das telecomunicacións que menos queixas reciben na súa actividade no mercado estatal. O dato, reflectido por R na súa web nun artigo que compara a actividade da compañía galega coas das grandes corporacións, extráese do informe do primeiro semestre de 2011 publicado pola Oficina de Atención ao Usuario das Telecomunicacións (OUAT) do Ministerio de Industria.
Segundo apunta a firma galega, tomando como base este estudo e cotexando os datos de R cos das queixas presentadas perante a OUAT por cada 10.000 clientes medios das grandes compañías do sector, “o operador galego é o que menos reclamacións rexistra en 2009, en 2010, e no primeiro semestre de 2011 nos servizos de teléfono fixo, móbil, internet, voz, datos e atención ao cliente”. Ao fío destes datos, e xa nun plano máis específico, dicir que a partir das mostras de 10.000 clientes de cada empresa, no apartado de telefonía fixa, R rexistra 0,10 reclamacións nos primeiros seis meses do ano (0,16 en 2010), fronte ás 3,41 de empresas como Ya.com, neste punto concreto o que máis reclamacións motiva. No eido dos móbiles, as queixas dos clientes de R son de 0,7, fronte á taxa de 3,49 que achega Vodafone na parte máis alta da táboa. Nos servizos de voz e datos, R acumula 0,27 (a moita distancia das 6,01 de Ya.com). En atención ao cliente en internet non houbo reclamacións na dita mostra de 10.000 clientes.

PUBLICIDADE