R renova a súa colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia

mércores, 14 de decembro do 2022 Redacción

Manuel Rodríguez, presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, e Alfredo Ramos, director de R, renovaron esta mañá, na sede do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, o acordo que revalida a R como patrocinador da entidade até xuño do ano que vén. Esta colaboración dálle percorrido a unha alianza mantida dende hai anos co propósito de abordar proxectos e accións que sempre teñen implicado valor para o tecido empresarial galego.
Manuel Rodríguez, presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, destacou que “o acordo que hoxe renovamos con R é estratéxico para a nosa entidade porque reafirma a nosa aposta pola formación nun escenario dixital cun socio tecnolóxico galego, que á vez exerce como asesor dixital dos nosos asociados”.

Acento na ciberseguridade

Pola relevancia cada vez maior da seguridade en contornas dixitais, R participa tamén na 4ª edición do Foro de Ciberseguridade do Círculo. No encontro analizarase con detalle o contexto en que se moven as empresas na actualidade, os riscos que corren na rede e a necesaria concienciación e cambios que debe experimentar a organización dunha maneira transversal para enfrontarse e protexerse nesta nova conxuntura.

Asesorando sobre o programa Kit Dixital

Ademais, o Círculo e R continúan sendo socios tecnolóxicos: o operador galego poderá exercer como asesor dixital dos asociados da entidade para apoialos na xestión e optimización das axudas europeas do programa Kit Dixital. Para iso, ao longo de 3 sesións informativas R explicou con detalle a todos os socios en que consiste e como solicitalas.
Tendo en conta as inxentes oportunidades e vantaxes que ofrece a contorna dixital, este exercicio a colaboración entre o Círculo e R traducirase en encontros presenciais, mais tamén en actividades virtuais e eventos híbridos que combinarán a interacción en ambos os dous formatos.

PUBLICIDADE