R pon a disposición das empresas unha plataforma dixital de formación

martes, 9 de xuño do 2020 S. P.

A operadora galega R presentou esta semana unha plataforma dixital de formación onde as empresas da nosa terra poderán compartir cos seus empregados recursos de capacitación e adestramento tanto de tipo motivacional como tecnolóxico. Segundo explica a compañía de cable, trátase dun xeito de impulsar os plans de formación do tecido produtivo e de achegar unha ferramenta de utilidade na situación actual, “na que a maior parte das compañías galegas adoptaron o teletraballo como forma de manter os seus servizos durante a crise”. A plataforma é unha realidade grazas ao acordo de R coa firma Fit Learning.
Grazas a esta alianza, construíron unha solución “moi práctica” na que, mediante vídeos breves, impártense contidos de utilidade, “non soamente para esta época de crise, senón para calquera momento do ano”, explican, engadindo que con esta plataforma “as empresas e os seus equipos poden elixir os contidos que mellor se adapten ás súas necesidades, acordes ás das compañías nestes momentos e que abranguen temáticas moi variadas”.
Entre as temáticas que R pon a disposición das súas empresas clientes atópanse as seguintes: a ciberseguridade; as recomendacións para teletraballar; as potencialidades das ferramentas Office 365, Microsoft Teams, Windows 10, One Note 365; o regulamento de Protección de Datos, a sensibilización en igualdade de xénero, os hábitos de vida saudábel, a negociación ou a motivación.
Esta iniciativa de R Empresa nace de “escoitar as necesidades das organizacións clientes, que nestes momentos”, segundo explica a operadora, “requiren ofrecerlles aos seus equipos unha actualización dos seus coñecementos e un acompañamento en formato remoto e dunha forma segura”.

PUBLICIDADE