R ofrecerá vídeo baixo demanda aos seus clientes de televisión dixital multicanle

mércores, 4 de maio do 2011 Raquel Noya

Fotografía da presentación tomada por Román Romeral

O operador galego de comunicacións por fibra óptica, R, na súa teima por innovar e ofrecer continuamente servizos adaptados ás necesidades dos seus clientes, vai ofrecer un novo servizo de vídeo baixo demanda (VOD) a partir deste verán, que lle permitirá aos seus usuarios de televisión dixital multicanle, ter un dominio absoluto dos contidos multimedia que desexen ver en cada momento.
Deste xeito, as persoas que contraten o servizo, poderán reproducir, parar, rebobinar ou mesmo avanzar os contidos multimedia que desexen e cando desexen, a través do mesmo descodificador de televisión que tiñan nos seus fogares.
Asemade, dende este dispositivo, poderán escoller entre un amplo abano de contidos audiovisuais (adicionais aos que actualmente reciben) directamente dun catálogo que terán a man na guía electrónica de programación do seu televisor.
R confiou en Ericsson para renovar os servizos da súa plataforma televisiva e xa que logo, será esta a compañía que vaia renovando permanentemente todos os programas da plataforma, que por certo, incluirán cinema (clásico e de estrea) así como documentais, música, programas infantís, series… ata alcanzar as 1.000 horas mensuais de contidos dispoñibles e en continua renovación, que se obterán cando o servizo estea a pleno rendemento.

Ingemar Naeve, conselleiro delegado de Ericsson España e Arturo Dopico, conselleiro delegado de R

O Conselleiro Delegado de Ericsson España, Ingemar Naeve e Arturo Dopico, Conselleiro Delegado de R, presentaron esta mañá o devandito servizo de vídeo baixo demanda, un servizo que chega a Galicia logo de que a operadora notara que estaba a ser fortemente demandado polos seus clientes.
O servizo de Vídeo On Demand que R ofertará a partir do verán, ofrécelle ao usuario liberdade e facilidade para dispor dos contidos que lle interesan e cando lle interesen, así como mellorar a relación cos seus clientes, gracias á capacidade de interactividade coa que conta esta plataforma de última xeración.
Xa que logo, a compañía galega ofrece dous novos servizos integrados nun só, que aínda por riba non teñen ningún custe adicional.
Trátase por unha banda do VOD para seleccionar contidos cinematográficos ou preestreas de series, que se poderán ver (unha vez elixidos) durante 24 ou 48 horas, e pola outra, dun servizo de VOD baeado no catch up tv (en galego captura de televisión), que permite ver un programa ou reproducilo de novo noutro momento.
Din dende R que “estamos a falar duns 1.200 programas e dunhas 450 horas de contidos novos ao mes”, que se engadirán ás máis de 840 horas de programación que a operadora viña ofrecendo á semana.
A compañía quixo aproveitar a congregación de medios para anunciar que, antes de que finalice o ano, “o servizo de televisión dixital multicanle de R completarase cun novo descodificador de alta definición (HD) -con opción de gravador de vídeo persoal (PVR) de ata 1 Tb- que multiplicará as posibilidades de interacción do cliente, será compatible con 3D e ofrecerá o servizo de vídeo baixo demanda tamén en HD”.

PUBLICIDADE