R levará a súa fibra óptica a 2.200 fogares e empresas de 32 núcleos de Mos

venres, 5 de febreiro do 2021 S. P.

A operadora R vai facer un importante fornecemento de fibra óptica FTTH (tecnoloxía de fibra até o fogar) no concello pontevedrés de Mos. As parroquias de Cela, Dornelas, Guizán, Mos, Pereiras, Petelos, Sanguiñeda, Tameiga e Torroso disporán de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 500 Mbps, podendo desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R. Estariamos a falar de 2.200 fogares e empresas de 32 núcleos de poboación distribuídos nas ditas parroquias. Co fornecemento de tecnoloxía, ficarán preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R.
O subministro destas redes está subvencionado polos Fondos FEDER da UE a través do Programa de Extensión de la Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-Plan Avanza) do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
Concretamente, as actuacións nos núcleos das devanditas parroquias deste concello pontevedrés enmárcanse no proxecto Despregamento da banda larga de nova xeración con tecnoloxía FTTH nos municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). No marco deste proxecto ténselle adxudicado a R a conexión ás súas redes de nova xeración dun 20% do territorio das devanditas 9 parroquias de Mos, das 10 que conforman o municipio.
Este plan de traballo foi avaliado nun encontro virtual entre Nidia Árevalo, alcaldesa de Mos e Leo Costas, concelleiro de Novas Tecnoloxías do municipio, con Norberto Ojinaga, CTO de R e co director de Desenvolvemento de Rede da operadora, Ramón Rodríguez. Na xuntanza, a empresa referendou o seu compromiso co municipio e co Ministerio para “dotar eses 32 núcleos de Mos de conexións ultrarrápidas con fibra canto antes”.
Ademais, detalláronse os avances acadados ata o momento por R neste proxecto ao tempo que se informou das datas previstas para as tarefas de despregamento, que permitirán conectar xa en maio á rede avanzada de fibra de R os primeiros inmóbeis nun plan que se completará a peche de ano.
A alcaldesa de Mos, pola súa banda, expresou a necesidade de “responder con celeridade ás demandas de particulares e empresas destas parroquias cun servizo de telecomunicacións avanzado”.
Os máximos responsábeis de rede de R explicaron que foi preciso reprogramar o fornecemento de fibra na zona prevista inicialmente, por “mor da demora na cesión a R de infraestruturas por parte de terceiros, necesarias para executar os traballos na rede”. Por este motivo, o Ministerio concedeulle unha prórroga dun ano para o desenvolvemento destas actuacións, contando co apoio explícito do Concello de Mos, que, segundo lembra a compañía galega de telecomunicacións, “ten respaldado abertamente a continuidade do proxecto do operador galego”.
Os responsábeis da empresa lembraron que “a día de hoxe xa se teñen completado os deseños de infraestrutura para cubrir os núcleos adxudicados no Plan Avanza e axilizar ao máximo o proxecto no momento no que se obteñan os permisos pendentes”. Engadiron que “unha vez acadadas estas autorizacións, de inmediato acometeranse os traballos de tendido e cableado propiamente ditos para deixar habilitada por completo esta tecnoloxía de nova xeración nos 32 núcleos desas 9 parroquias de Mos antes de final de ano, coas primeiras vivendas e empresas conectadas en pouco máis de tres meses”.

PUBLICIDADE