R leva Internet de 500 Mpbs simétricos a máis fogares e empresas do Grove

xoves, 11 de xuño do 2020 S. P.

A operadora R vén de facer reconto das súas actuacións recentes no concello do Grove, destinadas a conectar a Internet un número significativo de fogares e negocios do termo municipal, achegándolles até 500 Mbps simétricos. Os traballos focalizáronse no núcleo do Pardiñas onde arredor de 140 residencias particulares e empresas xa poden gozar das redes de nova xeración da firma galega de telecomunicacións, unha cifra que se incrementará con 340 unidades máis en datas vindeiras, co que estariamos a falar dun total de 480. A intervención de R consistiu no fornecemento de fibra óptica de última xeración (tecnoloxía FTTH) e desenvolveuse aproveitando “ao máximo” as infraestruturas do concello.
En virtude dos traballos realizados, as ditas empresas e fogares poderán recibir servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mpbs simétricos e televisión dixital multicanle de R.
A compañía lembra que estes fitos son froito de anos investindo no despregue de redes no Grove, onde a día de hoxe xa dispoñen da cobertura das redes de nova xeración de R un total de 3.943 fogares e empresas do municipio.
10 millóns de investimento e fondos europeos
Estes e outros traballos na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar, antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”). No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, a intervención no Grove encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo). O investimento total neste caso é de 3,58M€, 2,86 deles subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea.
Un segundo proxecto fala igualmente do fornecemento de banda larga de nova xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo). Para estas actuacións, cun investimento total de 2,6M€ destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,09M€.
O terceiro dos proxectos adxudicados desenvolverase en 196 núcleos doutros municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). Os despregues nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 3M€.

PUBLICIDADE