R lanza estrea campaña coa promesa dun futuro innovador para clientes de telecomunicacións de Galicia

venres, 12 de xaneiro do 2024 S. P.

A operadora galega R arrincou 2024 ao grande. Concretamente, fíxoo cunha nova campaña de publicidade destinada a “refrescar marca” e “atraer todos os públicos do mercado”. En especial, o segmento da mocidade. A campaña desenvólvese baixo o epígrafe R_voemos, un lema da que a empresa bota man para “inspirar a poboación galega cun futuro por crear onde, grazas ás telecomunicacións, todo é posíbel”.
A nova campaña pon o foco en mostrar imaxes imposíbeis e sorprendentes, ao tempo que “inspiradoras para a comunidade clientes”, como un humano cun filtro de cabalo que se pasea con dignidade pola urbe (para “dar que falar”), un colega de videoxogos que se conecta dende Orión, o receitario da avoa descargado na cachola dunha cociñeira moi moderna... ou unha nena cun casco de mil ollos para poder ver mil series e unha estupenda señora maior que plana en patinete sideral esquivando o tráfico.
“Con estas imaxes”, informa R, “pretendemos trasladar a mensaxe da importancia das telecomunicacións nese futuro onde, grazas á tecnoloxía, seremos quen de facer cousas que aínda non podemos nin imaxinar.” Tamén, engade a operadora, preséntase como un xeito de situar Galicia á vangarda do mundo en materia de innovación, o que, segundo explica R, foi sempre un obxectivo fundacional da empresa. A campaña tamén reforza os vencellos e o compromiso de R co territorio galego, onde levou a cabo importantes investimentos no desenvolvemento das novas redes de fibra e 5G.

Creatividade con Intelixencia Artificial pioneira en animación

A empresa de telecomunicacións engade que “a nova campaña de R quere inspirar o público a ser creativo e orixinal, e descansa sobre valores como a frescura, a retranca, o desenfado e a diversión”. O seu lema Voemos, segundo apunta a compañía, convida a “soñar, crear e gozar” e a mensaxe principal busca “que as persoas imaxinen o futuro para poder crealo”. E faino con pezas gráficas e audiovisuais que debuxan escenas rompedoras, irónicas, humorísticas, reflexo dese mañá imaxinario. Para dar forma ao material que forma parte da campaña R apostou pola Intelixencia Artificial, de feito, a operadora salienta que “o anuncio da campaña é un dos primeiros do mundo realizado con IA que consegue este nivel de acabados, texturas e movementos de cámara”. Para iso utilizáronse diferentes ferramentas de xeración de imaxes como Midjourney, ademais de vídeo tradicional sobre o que a IA constrúe este universo.
Alfredo Ramos, director de R, explica que “a compañía naceu en Galicia en 1998, e dende entón a súa galeguidade innata camiñou ligada a valores como a innovación, o investimento en tecnoloxía e a aposta por servizos avanzados en resposta ás necesidades dos/das nosos/as clientes/as. Estamos moi orgullosos/as do logrado e queremos seguir medrando, ser aínda mellores e adaptarnos –como sempre fixemos, con creatividade e innovación– aos novos tempos. O lanzamento da nosa nova campaña de marca vincúlanos aínda máis coa actualidade e coas inquietudes dos/das nosos/as clientes/as galegos/as, a quen queremos ofrecer sempre a mellor tecnoloxía e os mellores servizos”.
Para a realización desta campaña e a súa creatividade R confiou na axencia galega Imaxe, reforzada pola produtora Vostok Films baixo a dirección do realizador Cloré. A vertente musical vén da man do músico coruñés Nano MZ, que enumera as xanelas ao futuro que propón R a ritmo de reguetón.
O lanzamento, este venres 12 de xaneiro, implicará a difusión de materiais audiovisuais e gráficos en radio, marquesiñas, online ou autobuses, ademais de contar con anuncios en TV e presenza na gran pantalla de cines autóctonos.

Vídeo da campaña

PUBLICIDADE