R fai medrar a cifra de fogares e empresas de Rianxo que contan con acceso á súa fibra
xoves, 15 de outubro do 2020
- Na imaxe, a fachada da Casa Consistorial de Rianxo
A
operadora R vén de incrementar a cantidade fogares e negocios de
Rianxo con posibilidade de conectarse á súa fibra óptica FTTH
(polas súas siglas en inglés, fibra até o fogar). Os núcleos de O
Cruceiro e de A Carballeira xa dispoñen de accesos ultrarrápidos a
Internet de ata 500 Mbps e poden desfrutar doutros servizos avanzados
de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R. O
despregue destes equipamentos levouse a cabo “aproveitando ao
máximo as infraestruturas destes lugares”.
Deste
xeito, arredor de 132 novos fogares e negocios das ditas
localizacións quedaron preparados para recibir os servizos avanzados
de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión
dixital multicanle de R. Segundo informou a operadora a peche de ano
estaremos a falar dun total de 900 novas residencias particulares
conectadas ás súas redes de última xeración.
O
operador galego lembra que leva anos investindo no fornecemento de
rede en Rianxo, onde a día de hoxe xa dispoñen da cobertura das
redes de nova xeración de R un total de 1.820 fogares e empresas
deste municipio da provincia da Coruña.
Estas
e outras actuacións na provincia da Coruña forman parte dun dos
tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e
Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar,
antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non
dispoñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No
desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos
cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da
Unión Europea.
En
concreto, o despregamento en Rianxo encádrase no proxecto destinado
á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de
municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e
oeste de Lugo). Para estas actuacións, cun investimento total de
2,6M€ destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,09M€. Un
segundo proxecto fala igualmente do fornecemento de banda larga de
nova xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 162 núcleos do
centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste
de Lugo). O investimento total neste caso é de 3,58M€, 2,86 deles
subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. O terceiro dos
proxectos adxudicados desenvolverase en 196 núcleos doutros
municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). A cobertura nestas
zonas suporá un investimento total de 3,75M€, cunha subvención
dos fondos FEDER de máis de 3M€.