R fai medrar a cifra de domicilios e empresas de Vilanova que contan coa súa fibra óptica

martes, 1 de setembro do 2020 S. P.

A operadora R vén de incrementar a cantidade fogares e negocios e Vilanova de Arousa con posibilidade de a conectarse á súa fibra óptica FTTH. Os núcleos de Currás, Tarrío e Viñagrande, no termo municipal pontevedrés, xa dispoñen de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 500 Mbps e poden desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R. O despregue destes equipamentos levouse a cabo “aproveitando ao máximo as infraestruturas destes lugares de Vilanova”.
Deste xeito, arredor de 150 novos fogares e negocios dos ditos núcleos ficaron preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R. A esta cantidade sumaránselle outros 275 inmóbeis que se incorporarán en datas vindeiras, co que a peche de ano haberá 427 residencias particulares e empresas conectadas a estas redes avanzadas.
O operador galego leva anos investindo no fornecemento de rede en Vilanova, onde a día de hoxe xa dispoñen da cobertura das redes de nova xeración de R un total de 640 fogares e empresas deste municipio da provincia de Pontevedra.
Este e outros despregues na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar, antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).

PUBLICIDADE