R expón na Universidade de Vigo os porqués da súa aposta polo galego

luns, 14 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Público asistente aos encontros pola lingua convocados na Universidade de Vigo

Se o galego vén de antigo e as novas actividades empresariais non, temos que ver o conxunto como algo contraposto? A xuízo da organización das Xeiras, os encontros da Universidade de Vigo, nada máis lonxe da realidade. Ou sexa, que debaixo de todas esas cousas que en aparencia afastan máis que unen, hai unha máis que firme cadea de continuidade. Isto é aplicable ás redes e ao eido dos novos negocios, onde está cada día máis demostrado que o uso do galego é un valor de produto e servizo. Un exemplo disto é o que acontece coa operadora galega de telecomunicacións R, que segundo se dixo nas Xeiras (clausuradas este venres logo de tres xornadas de alta actividade), emprega a lingua como sinónimo de calidade.
O caso práctico da empresa con sede na Coruña, que se complementou co da tenda de camisolas Caramuxo ou a adega Terras Gauda, veu a conto porque se trata dunha firma representativa do noso tecido económico innovador (malia que a día de hoxe unha boa parte dela xa non sexa galega, aínda que os seus traballadores si), que naceu aquí e que, pese aos cambios no accionariado que sufriu ao longo destes anos, segue a apostar pola lingua propia dos seus clientes. Para dar conta destas liñas de actividade, a organización de Xeiras convidou ás xornadas a tres representantes das devanditas compañías: Óscar Reboiras da operadora R, Xoán Quintáns de Caramuxo e Iago Becerra de Terras Gauda. Os tres tiveron oportunidade de avaliar polo miúdo os seus proxectos e os seus logros de comunicación, tan dispares e á vez unidos por un nexo común: o uso da lingua. “Somos galegos e estamos orgullosos de estar aquí”, dixo Óscar Reboiras ao respecto de R, firma centrada na tecnoloxía por cable para achegar telefonía fixa, internet e televisión. Para Reboiras, “o importante é empregar o idioma con naturalidade, boa parte do éxito de R radica en que os galegos veno coma un operador propio”.

PUBLICIDADE