R engade os polígonos de Santa Comba e Rianxo á listaxe de complexos galegos con redes ultrarrápidas
xoves, 22 de xuño do 2017
- O Polígono de Rianxo nunha vista aérea coa Autovía do Barbanza ao fondo
A
operadora R vén de incorporar dous novos parques empresariais á súa
listaxe de complexos da nosa terra equipados xa coas súas redes
ultrarrápidas de conexión (26 a día de hoxe), redes de última
xeración que, segundo lembra a compañía de raizame galega,
permitirán ás empresas acadar “megavelocidades” de 350 Mpbs. Os
dous novos parques acabados de incorporar son os de Santa Comba e o
de Rianxo. Este labor estase levando a cabo ao abeiro do Plan de
Banda Larga Xunta que impulsa AMTEGA. Segundo lembran R e máis a
axencia que dirixe Mar Pereira, os novos equipamentos van facer
posíbel que as empresas tiren o máximo proveito de diversos
servizos tecnolóxicos de valor engadido. Por exemplo as ferramentas
na nube, a videoconferencia ou a análise de Big Data.
Como
dixemos, amais destes polígonos, a peche do ano pasado ficaron tamén
conectados a estas redes ultrarrápidas outros 6 parques empresariais
da provincia da Coruña e prevese que ao remate de 2017 sexan un
total de 19 os recintos preparados para recibir os servizos de última
xeración do operador galego. Proseguindo co plan, outros 7 polígonos
coruñeses conectaranse á rede de R en 2018.
Unha
das principais vantaxes postas en xogo por estas actuacións reside
en que as empresas destas superficies empresariais poden contratar
servizos de Internet por fibra óptica con velocidades de até 350
Mbps de baixada e 35 de suba e cunha garantía de caudal do 80% sen
límite de descargas. En palabras de R, “os accesos ultrarrápidos
á rede representan un paso substancial para as empresas galegas á
hora de competir en mercados de dentro e fóra de Galicia”.
Ao
devandito cómpre engadir o seguinte: a compañía galega, integrada
no Grupo Euskaltel, está a poñer a disposición das empresas dos
polígonos a tecnoloxía necesaria para que “poidan acometer a súa
transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube
como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas
(IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0,
vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética,
o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e
a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas
estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de
raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH
(Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia
empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de
R”.
Como
lembraremos, o operador
galego R é o adxudicatario da primeira actuación do Plan de Banda
Larga 2020 da Xunta de Galicia, impulsado pola AMTEGA para dotar de
acceso á Internet ultrarrápida a 81 polígonos da Comunidade que a
día de hoxe non dispoñen destes servizos. Arestora, 26 deses 81
recintos empresariais das catro provincias galegas incluídos no Plan
están conectados á rede de R e, segundo as previsións, outros 21
farano ao longo de 2017 e 34 máis en 2018.
“Deste
xeito”, explican R e AMTEGA, “en dous anos un total de 130
polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial
ocupada en Galicia, disporán de acceso a redes de máis de 100
Mbps”. O resto cubriranse nas seguintes actuacións programadas no
Plan.
Estes
despregues supoñen un investimento total de 5,2 millóns de euros,
dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA e cofinanciados ao 75%
polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no
marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).