R e outra media ducia de operadoras comprométense a fortalecer a conectividade
venres, 20 de marzo do 2020
O
Goberno e as operadoras de telecomunicacións, entre as que se
atopaba a galega R (a través do Grupo Euskaltel), asinaron este
venres 20 un acordo para fortalecer e asegurar a conectividade das
persoas e das empresas nestes tempos de confinamento forzoso nos
fogares, teletraballo e restricións presenciais. No
pacto participaron Cellnex Telecom, Euskaltel, MasMovil, Orange,
Telefónica, Vodafone e a Asociación Nacional de Operadores de
Telecomunicacións e Servizos de Internet (AOTEC).
As
compañías mostraron o
seu “compromiso coa sociedade nestes momentos de especial
dificultade nos que a conectividade é un elemento fundamental para a
cidadanía, tanto desde o punto de vista persoal e social, como
laboral”, amais de asegurar que farán “os maiores esforzos”
para garantir a comunicación das familias e as empresas, e, nun
plano máis específico, a operatividade das redes e a axilidade de
resposta ante incidentes, “especialmente no que respecta ás redes
que dan soporte aos servizos de emerxencia”.
A
través da alianza establecida este venres tamén se quixo poñer o
foco na necesidade de “facer un uso responsábel dos servizos de
comunicación”, ou sexa, de dar prioridade ás tarefas necesarias e
de non saturar as redes nos intres de meirande tráfico, entre outras
medidas que garantirán o seu bo funcionamento.
Na
sinatura participou a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra
de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, que
transmitiu os seus agradecementos ás empresas de telecomunicacións
“pola súa responsabilidade”, así como a todos os traballadores
que cada día se esforzan para reforzar, supervisar e manter a
calidade das telecomunicacións nesta situación de emerxencia
sanitaria.
Segundo
o acordo asinado hoxe, durante o período de duración do estado de
alarma as chamadas realizadas ao número de atención sanitaria 061
serán gratuítas para o cliente e igualmente de balde en
interconexión para os operadores, asumindo cada un deles os seus
propios custos de rede.