R e SyFy traen este sábado á Coruña ao director Nacho Vigalondo

venres, 15 de febreiro do 2013 Redacción

O operador galego R e a canle temática especializada no xénero da ciencia ficción, SyFy, van organizar este sábado 16 de febreiro un evento conxunto en exclusiva para os clientes da TV da compañía con sede na Coruña. Trátase, máis polo miúdo, dunha cita co cineasta Nacho Vigalondo e os seus compañeiros colegas Raúl Minchilena, Señor Ausente e Rubén Lardín, que falarán na dita cidade galega do filme O ataque da quenlla de dúas cabezas, incluída no catálogo de SyFy e dirixida por Christopher Ray en 2010.
A cita cinéfila desenvolverase no auditorio do Centro Sociocultural Novacaixagalicia da Coruña a partir das 21:30 horas. O aforo, informa R, ficará cuberto polos clientes de televisión do operador galego que se inscribiron na web da compañía, previamente, para participar na cita cinematográfica. “Trátase”, sinala R, “de xuntármonos en boa compaña nunha sesión cinematográfica especial e animada, compartindo co público os comentarios máis atrevidos e curiosos que se lles ocorran”.

PUBLICIDADE