R e Dos Espacios mostrarán en GaliciaTIC as oportunidades de emprendemento que abre a era dixital

martes, 5 de outubro do 2021 S. P.

A operadora R compartiu a súa axenda de actividades para o evento GaliciaTIC, histórico encontro das empresas e os profesionais das novas tecnoloxías da nosa terra que abre as portas da súa 19 edición este 7 de outubro. A compañía de telecomunicacións avaliará en GaliciaTIC os novos modelos de negocio que xorden ao abeiro da era dixital. Farao en colaboración coa consultora galega Dos Espacios, especializada en comercio electrónico, que tamén debullará as oportunidades de mercado da revolución tecnolóxica.
R mantense como un dos patrocinadores de referencia de Galicia TIC, que opta outra vez por un formato híbrido presencial e online, aínda que con aumento da interacción persoal en actividades paralelas ao evento.
Alberto Díaz Freire, responsábel de Alianzas, IoT e Transformación Dixital de R e Santiago Paz, director executivo (CEO) da consultora galega Dos Espacios, especializada en comercio electrónico, serán os encargados de avaliar no foro as devanditas cuestións de emprendemento e dixitalización. En concreto, mostrarán e avaliarán as principais claves de éxito dos novos negocios transformados ou en proceso de transformación. Será na mesa temática Claves para a supervivencia do negocio actual na era dixital. Os voceiros achegaranse a un tema que cualifican de “especialmente sensíbel”, que afecta a empresas de todo tipo e tamaño, ata o punto de cuestionarse a súa supervivencia na contorna actual se non se adaptan ao cambio con axilidade.
Para participar como oíntes na mesa redonda podemos rexistrarnos nela a través do blog de empresas de R.

PUBLICIDADE