R discrepa da política de vixilancia aos clientes que propoñen a SGAE e Cultura

luns, 26 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Mentres que unha boa parte da industria discográfica e audiovisual (sobre todo o sector de meirande tradición e presenza) esixe máis control e sancións sobre aqueles usuarios e usuarios que intercambien ficheiros libremente pola Rede, as operadoras non semellan dar mostras de tomar partido por un lado ou polo outro. Mentres, a presión exercida por certas institucións (como por exemplo o Ministerio de Cultura) ou sociedades de xestión de dereitos de autor (como a SGAE) non cesa de incrementarse. Mais segundo informa a web Bandancha.eu, non todo é silencio no eido das operadoras. A empresa galega R de servizos de cable está a dar mostras de desconformidade sobre o devandito aumento da presión. E faino no seu blog, para toda a comunidade internauta.
Para a firma con sede na Coruña, na súa política nos clientes nunca entrou de ningunha maneira o control sobre os seus accesos á Rede, tal e como algúns entes propoñen, e no caso de que estes saquen adiante as súas medidas concretas, a empresa levará a cabo “todas as alegacións que considere oportunas e coincidentes con ese espírito”.
A xuízo da operadora galega, se non se controlan as comunicacións telefónicas sen o control dun xuíz (os usuarios están protexidos por lei), é necesario aplicar as mesmas regras de xogo ás que se levan a cabo en Internet.
Amais, a empresa de telecomunicacións non semella ter claras as vantaxes para a economía do estado que podería achegar unha obriga deste tipo sobre as firmas do sector: unha obriga a supervisar o que os clientes fan cos servizos subministrados. Esta situación, explica, fomentaría o xurdimento de operadoras “pouco escrupulosas coas normas e mesmo de países equivalentes aos paraísos fiscais”.

PUBLICIDADE