R conmemora o Día da Protección de Datos cunha serie de consellos sobre a nosa información sensíbel

xoves, 27 de xaneiro do 2022 S. P.

Este venres 28 de xaneiro celébrase o Día Europeo da Protección de Datos e a operadora de orixe galega adheriuse ás conmemoracións facendo unha proclama a prol dunha Rede segura e de meirandes esforzos para garantir unha cultura de bo uso dos servizos dixitais. En palabras de Susana Rey, especialista en ciberseguridade e privacidade e membro da Oficina de Protección de Datos de R, “para unha vida boa é esencial salvagardar a nosa información sensíbel”. Isto podemos conseguilo cunha formación crítica compartida “que nos permita tomar decisións axeitadas en cada caso”.
Segundo engade, os nosos datos persoais “son susceptíbeis de utilizarse para fins que poden ter impactos verdadeiramente desagradábeis nas nosas vidas: perdas económicas, suplantacións de personalidade, publicación de información íntima, recepción de múltiples comunicacións comerciais... etc”. Polo tanto, di, resulta “esencial que salvagardemos con celo a nosa información sensíbel”.
Algúns consellos para protexernos na Rede
A respecto de todo o devandito, a experta de R en PD ofrece unha serie de consellos:
_Ante o vicio de pedir, a virtude de non dar. En contornas dixitais adoitamos dar os nosos datos sen pensar que seguramente non sexa necesario facelo. Aínda que non haxa mala intención en quen os pide, ante algún problema de ciberseguridade eses datos poden rematar en malas mans e implicar problemas serios para nós. Por iso, como punto de partida neste terreo hai que asimilar que “menos é máis: menos datos, máis seguridade”, sinala Susana Rey.
_Seguinte-seguinte... e despois?. Se nos habituamos a aceptar todas as condicións de privacidade dunha web, servizo, aplicación móbil, e facémolo de xeito automático, podemos estar a dar permiso para que utilicen os nosos datos con fins que non compartimos e/ou impliquen riscos que descoñecemos. Hai que ler a información de privacidade, obrigatoria en todos os casos, e pensar se nos interesa ou non aceptala. “Se non existe esa información ou é incompleta, estraña ou inintelixíbel... desconfiemos”, apunta a experta de R.
_Nada é de balde. Cando un servizo, web, aplicación... non nos cobra polo seu uso, é probábel
que esteamos ao pagar cos nosos datos. Trátase de valorar se nos compensa que unha empresa poida saber, por exemplo, onde estamos en todo momento a través do noso móbil, a cambio dunha aplicación que nos mostra a dirección exacta a Cuenca. O caso das redes sociais e os menores é especialmente delicado. Susana Rey incide en que “sempre resulta arriscado expor a nosa información sensíbel en redes sociais e en Internet, e moito máis se é de terceiras persoas e sobre todo de menores. Na actualidade, a súa sobreexposición pública e os temas de sexting ou bullying en redes sociais constitúen un problema serio para moitos/as nenos/as e adolescentes, con consecuencias gravísimas nalgúns casos. É preciso educar xa os/as máis pequenos/as na necesidade de ser responsábeis cos seus datos e cos dos/as demais, tomando ao tempo unha actitude belixerante fronte a este tipo de actuacións doutros/as cando as atopemos”, explica.

PUBLICIDADE