R confirma unha caída do 15% nos accesos á Rede das familias

martes, 12 de maio do 2020 S. P.

R achegou este martes 12 de maio o seu balance semanal sobre as actuacións levadas a cabo pola empresa galega de telecomunicacións dende o inicio da crise sanitaria, unhas actuacións que buscan por unha banda mellor a experiencia dos seus clientes (achegándolles recursos extra e gratuítos para garantir o teletraballo, a teledocencia, o lecer dixital durante o confinamento e a plena comunicación con amigos e familiares) e, pola outra, achegar contribucións tecnolóxicas a colectivos vulnerábeis. A firma confirmou que na novena semana da alarma sanitaria e coa entrada na fase 1 de desescalada, os datos de uso dos servizos de telecomunicacións van evolucionando en Galicia en función dos novos hábitos e rutinas da poboación. Isto reflíctese por exemplo nun descenso nos accesos a Internet (un 15% menos) das familias galegas nos últimos días en horas “pico”.
Estas cifras son un reflexo de como foron mudando as pautas dos clientes nas últimas semanas, co remate do confinamento total conforme os novos decretos que se ían publicando.
Como dixemos, R confirmou un descenso do 15 %, ata o 53,5 % no uso de acceso a Internet nas horas “pico” (as de maior consumo de forma simultánea), cando hai un mes o incremento de tráfico era do 63 %, o que “denota que as persoas xa comezaron a saír a practicar deporte e a pasear”. De asentarse este patrón, engade R, “confirmaríase a tendencia dunha volta cara á normalidade”.
En canto á voz de móbil, tamén aparece unha redución feble do 5 %, pasando do 60 ao 55 % nos intres de meirande saturación, mentres que o acumulado diario se incrementou un 120 % (máis do dobre), o que se relaciona co mantemento das comunicacións por parte das persoas cos seus familiares e amigos.
En referencia á telefonía fixa, creceu un 90 %. O uso do Whatsapp mantén o seu medre nun 300 %, sen gran variación a respecto da anterior fase de confinamento e as ferramentas colaborativas de vídeo-conferencia (Whatsapp, Skype, Teams, Zoom..., etc) experimentaron, en palabras de R, “un aumento exponencial”.
R constatou tamén que nestes momentos o consumo medio diario de televisión é de 5,22 horas diarias, un 44 % máis do habitual, aínda que é un punto menos que hai un mes, “por efecto dos horarios de saída para pasear e xogar para os nenos e as súas familias establecidos xa na fase 0”.
Por outra banda, os consumos de contidos infantís en televisión medraron un 48 %.

PUBLICIDADE