R aposta polo fogar conectado

venres, 17 de marzo do 2017 Marcus Fernández

O operador R parece ter marcado como un dos seus propósitos para 2017 a popularización da domótica entre os seus clientes, e estes días está a reforzar a promoción do seu servizo 3ollos R, que vén a ser unha solución que informa do que acontece no fogar ou no negocio cando non se está alí presencialmente, de xeito que poden programarse avisos e reaccións, de xeito que será posible dende recibir unha alerta cando se detecte movemento na nosa casa cando estamos ausentes ou que poidamos acender a calefacción dende o móbil.
Este servizo permite programar numerosos escenarios e funciona en combinación con numerosos sensores e dispositivos, polo que ten un grande potencial, e dado que o aproveitamento do servizo precisa da adquisición dos sensores, R ofrece a posibilidade de pagalos en 24 cotas, de xeito que a súa compra non resulta traumática.
Os dispositivos que inicialmente comercializa R co seu servizo domótico con sensores de porta, enchufes intelixentes, medidores de enerxía eléctrica, medidores de auga, detectores de fume, cámaras de vixilancia e incluso un completo multisensor 4 en 1 (que detecta movemento, temperatura, humidade e luminancia). Deste xeito temos unha ferramenta que tanto serve para controlar a seguridade de fogares e negocios, como unha ferramenta para facilitar o aforro enerxético.
Entre os escenarios de aplicación de 3ollos R comentan a vixilancia dos cativos mentres se está no traballo, o control dos nosos maiores (para saber se manteñen as súas rutinas diarias), recibir alertas do fogar/negocio cando acontece algo fóra do habitual (dende detectar intrusións até alertar de incendios ou inundacións), simular que estamos na casa cando imos de vacacións, automatizar a iluminacióne a calefacción e incluso vixiar á mascota (podendo incluso falarlle a través da cámara de vixilancia).

Vídeo no que podemos ver un dos escenarios nos que 3ollos R pode resultar de utilidade

PUBLICIDADE