R anuncia melloras no buscador da súa web

martes, 22 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

O buscador do operador galego R na súa web vén de ser, este mes de novembro, obxecto de melloras no seu funcionamento. O obxectivo da compañía galega foi o de adaptalo en tódolos seus detalles a un catálogo de servizos e produtos, e máis de webs dirixidas a distintos eidos do mercado, que non para de medrar. En boa medida, do que se trata é de cubrir con respostas máis rápidas as diferentes facianas en liña da empresa: particulares, empresas, descargas, clientes, preguntas e respostas, etc. Asemade, búscase unha meirande fiabilidade nos resultados e que estes teñan en conta tanto os datos en galego como os datos en castelán, con independencia do idioma no que estean.
O resultado, informa R, é que as procuras que se fan nesta ferramenta que necesitas? son máis precisas e que a cousa mellorou moito, circunstancia que non pecha, nin moito menos, a porta de vindeiras actualizacións e optimizacións, polo que o operador galego seguirá a requirir dos seus clientes todo tipo de opinións e suxestións encamiñadas a acadar un servizo cada día máis eficaz.
A isto hai que engadir os esforzos para acadar unha ferramenta de procura que estea o máis preto posíbel da nosa man, sempre á vista, arriba e á dereita, esteamos na portada ou en calquera outra páxina. “Desta forma”, conta R, “evitaredes navegar para ver onde está algo en concreto que vos interesa e onde poderedes atopar de xeito máis doado o que precisades”.

PUBLICIDADE