R achegará ao empresariado de Mos vantaxosos accesos á Rede e novos espazos de traballo

xoves, 12 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

A sede de AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) acolleu hoxe a formalización dun acordo entre a entidade empresarial pontevedresa e máis o operador galego de telecomunicacións R. Na sinatura participaron o presidente da asociación, Manuel Castro Álvarez, e o director corporativo de empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle.
Grazas a este acordo, un novo paso nunha colaboración que xa viña de lonxe, o empresariado de AEMOS poderá gozar das solucións de fibra e banda larga de R adaptadas ás súas necesidades específicas “en condicións vantaxosas, tanto para as novas altas como para quen xa sexa cliente da compañía”, fixeron saber. Amais, acordouse por en marcha un espazo colaborativo (coworking R) para autónomos/as e microPEME, na sede da Asociación en Mos.
No caso das empresas que a día de hoxe non teñen contratados os seus servizos de Telecomunicacións con R, porase tamén á súa disposición unha asesoría particular que poderá presentar ofertas personalizadas en función das necesidades de voz, internet e datos de cada cliente/a. “De precisalo”, informaron, “os negocios contarán co apoio de equipos especialistas adaptados a eses requirimentos en todo intre”.
Espazo colaborativo R para pequenas empresas e autónomos
O convenio, que ten unha validez de dous anos, incorpora como dixemos a habilitación dun espazo de coworking do que poderá gozar o empresariado de AEMOS. “Desta maneira”, engadiron, “compleméntanse os postos a disposición de emprendedores habilitados pola asociación no viveiro industrial aberto o pasado ano no Polígono Empresarial de Mos, onde R ofrece alta velocidade de fibra simétrica de 300 Mbps”.
O obxectivo desta medida é “favorecer relacións estábeis que poidan desembocar en novos vencellos cliente-provedor ou noutro tipo de intercambios a nivel horizontal entre profesionais de AEMOS”.


PUBLICIDADE