Quintana e Blanco fan balance do Plan Galego de I+D+i

luns, 20 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Quintana destacou o incremento do orzamento en I+D+i

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, fixo balance do Plan Galego de I+D+i (INCITE) presentado hai 2 anos para incrementar o gasto en I+D ata chegar ao 1,5% do PIB galego fronte ao 0,8% do 2005. Quintana destacou que no período indicado o orzamento global en I+D+i pasou de 83 a 176 millóns de euros, o que supón un crecemento do 112%, o que serve de indicador da boa aplicación do Plan nos seus 2 primeiros anos de vixencia. Tamén resulta subliñable que o 44% do esforzo total neste eido orixinouse no sector privado, mentres que en 2005 esta cota era só do 38%.
No acto de presentación tamén participou o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, quen analizou as axudas da súa Consellaría no presente ano, que supuxeron un investimento de máis de 100 millóns de euros e a posta en marcha de máis de 1.848 proxectos. Segundo detallou o conselleiro, os 7 programas de recursos humanos supuxeron un orzamento de 30,9 millóns de euros e permitiron financiar 483 novas prazas de investigadores con contratos plurianuais.

Fernando Blanco deu conta das axudas achegadas a través da súa Consellaría

O factor humano é un elemento chave do Plan, detallando o vicepresidente da Xunta que involucra a 8.000 investigadores e tecnólogos traballando en proxectos de I+D+i (5.000 dos mesmos no sector produtivo) e conformaría o programa de recursos humanos neste ámbito máis ambicioso do Estado, pois contempla todas as fases da carreira investigadora: a formación, a consolidación e a incorporación. Tamén se introduciron medidas sociais para conciliar a vida laboral e a familiar.
O Plan busca, ademais, contribuír a modernizar as empresas, favorecer a súa competitividade e internacionalización e tamén atraer fondos externos de I+D, tanto estatais como europeos, para acadar unha repercusión no sistema estatal de innovación nas áreas de maior potencial para o país. Con esta finalidade o Plan está a articular e racionalizar o sistema, mediante a creación de centros de investigación e a construción de plataformas tecnolóxicas. Deste xeito, favorécese a posta a disposición de solo tecnolóxico, que permita favorecer a colaboración entre os diferentes axentes do sistema, a súa complementariedade e a creación de redes para optimizar os recursos. Quintana lembrou que nestes últimos tres anos constituíronse 10 novos centros tecnolóxicos, pasando de 11 a 21.

PUBLICIDADE