Queremos Galego defende a lingua nas redes sociais con motivo do Día das Letras

mércores, 16 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

A plataforma Queremos Galego pecha fileiras esta semana para a celebración do Día das Letras Galegas, este xoves 17 de maio, e para toda a serie de actividades que se desenvolven horas antes e que se seguirán a desenvolver unha vez que pase a xornada. Entre as accións máis salientables dende o punto de vista dixital (a cuestión central en Código Cero, onde amais das letras tamén conmemoramos o Día da Internet, tamén o 17 de maio) figura unha mobilización nas redes sociais: no Facebook e máis no Twitter coa etiqueta #17Mqueremosgalego.
A idea, informa a plataforma para a defensa do idioma, é amosar a meirande influencia posible da manifestación e botar unha man complementaria (virtual) “á marea humana que vai asolagar Compostela o día 17 co obxectivo de defender a lingua”.
Queremos Galego é unha plataforma cidadá conformada por entidades de diversos ámbitos e por persoas a título individual. Nace da vontade colectiva de articular unha gran resposta social a prol da lingua propia do noso pobo, o galego.