Quempallou estrea web

mércores, 9 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A banda Quempallou está estes días en boa parte dos medios galegos por varias razóns. A primeira, polo menos a que máis nos toca de preto, é a posta en marcha da súa nova páxina web, un sitio que conmemora os once anos de dedicación artística do grupo (11 anos mallando, como eles din) e que serve de porta de entrada 2.0 cara a todo o relacionado coa banda: orixes, traxectoria, discografía, entre outras cuestións. Tamén inclúe accesos directos aos sitios propios en Facebook, Twitter, MySpace e iTunes. Amais disto, pon en xogo unha escolma de imaxes e vídeos que de seguro irá sendo obxecto de novas e constantes incorporacións ao longo dos moitos anos de foliada que aínda que lle queda a Quempallou.
Importante tamén ter en conta a sección Concertos, na que se dá conta disto último: de todo que está por vir. Porén, a banda tamén está estes días nos medios por motivos máis estritamente ligados ao seu, concretamente pola publicación do seu novo disco, Once anos mallando (Zouma Records), unha escolma do mellorciño da súa discografía. Segundo conta Roi Maceda, integrante da agrupación, achega non é unicamente o máis representativo do repertorio de Quempallou, senón que tamén constitúe unha recompilación daquela parte do seu catálogo de cancións que máis e mellor funciona en directo. “Os temas máis axeitados para ver a evolución da banda”, explica.

PUBLICIDADE