Queen lanza unha canción que poderá descargarse de balde en Internet

venres, 30 de novembro do 2007 Raquel Noya

Coma tódolos anos por estas datas, ninguén (por máis que tente facelo) se pode librar de ver milleiros de anuncios de xoguetes en tódolos medios, dos escaparates das tendas cheos de neve en po e estreliñas e dos andeis dos supermercados cheos de turrón e polvoróns de Estepa. Amais de todo isto, das luces de cores nas árbores, dos “Papá Noel” nos balcóns e das cestas de Nadal da empresa cun bote de melocotóns doces, unha botella de sidra e un par de bolsas de uvas pasas, non hai celebración de inverno na que algunha empresa da música non aproveite para lanzar un disco recompilatorio ou de lembranzas dunha época dourada do grupo de máis actualidade mediática para sacar tallada.
Unha vez máis, temos que falar da concorrencia en escena da galiña dos ovos de ouro por excelencia da industria musical, o grupo Queen, que logo de dez anos sen ofrecer ningún traballo de estudio novo, vai lanzar un sinxelo titulado Say it´s not true (Di que non é verdade) que poderá descargarse dende a súa web, iso si, de balde.
Esta nova gravación leva o selo Queen+Paul Rodgers, banda formada logo da morte do vocalista Freddie Mercury en 1991 e pretende ser unha iniciativa para axudar a loitar contra a propagación do virus VIH no mundo e, de paso, incrementar as visitas á páxina web que vai un pouco costa abaixo.
O tema foi composto hai uns anos por Roger Taylor e gravado agora por primeira vez. O seu autor espera que ó permitir descargar a canción de balde “poida axudar a que Nelson Mandela faga chegar á xente a súa mensaxe de que ninguén está a salvo dunha infección do sida”... e das talladas millonarias das discográficas que levan as discográficas á nosa conta tampouco.

PUBLICIDADE