Quantis e Hispasat ofrecen cobertura de Rede a case 88.000 coruñeses

xoves, 14 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Seguimos a falar de máis posibilidades para acceder á Rede dende o rural, un eido da nosa xeografía que ten ficado no esquecemento das operadoras e das administracións comunicativa e dixitalmente falando pero que semella que, paseniño, vai sendo obxecto de importantes novidades no que se refire á oferta. Como por exemplo a de Quantis, que vén de facer un importante despregue de cobertura na provincia da Coruña para ofrecer banda larga por satélite.Todo isto tirando proveito dun satélite de Hispasat e poñendo en xogo un servizo que abrangue a instalación e a adquisición do equipamento de xeito gratuíto a través dos recursos que achega o Plan Avanza do Ministerio de Industria.
Con esta tecnoloxía, informa a empresa, case 88.000 cidadáns da Coruña que neste intre non teñen cobertura, “poderán navegar a alta velocidade e realizar xestións de tipo administrativo e empresarial, así como acceder a contidos de lecer, televisión e radio”, sinala a firma, para que é importante subliñar que se trata dun servizo aplicábel aos restantes cidadáns da nosa terra que aínda non teñen conexión á alta velocidade. Segundo os datos que pon a disposición da sociedade o Ministerio de Industria, a cifra de persoas sen cobertura na nosa terra é de 266.500, das que case 88.000 viven na Coruña.
O servizo que achegan Quantis e Hispasat, como dixemos, contempla o financiamento íntegro da instalación e máis a compra dos equipos a través dos fondos do Plan Avanza. A merca e instalación da infraestrutura será pois de balde, e consiste na achega dunha antena parabólica e máis un receptor. As persoas interesadas poden contratar diferentes paquetes de solucións, engade a empresa, incluíndose múltiples tarifas que parten das seguintes ofertas de base: 1 Mbps a 25 euros máis IVE con 2 Xb de transferencia e as mesmas condicións sen límite de transferencia a 39,9 euros.

PUBLICIDADE