Qualcomm facilitará a creación de auriculares completamente sen fíos

mércores, 21 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Qualcomm anuncia hoxe a nova xeración da súa tecnoloxía Qualcomm TrueWireless Stereo, que permite que gocemos de auriculares totalmente sen fíos (tanto entre o móbil e os auriculares como entre os auriculares esquerdo e dereito) e que chegará ao mercado a través dos chips Bluetooth QCC5100, que perseguen principalmente reducir o consumo do streaming de voz e música até un 65% con respecto a dispositivos da anterior xeración. Esta tecnoloxía ofrecerase a fabricantes para que poidan facer auriculares de tamaños moi reducidos, con canles independentes e doados de conectar (xa que non será preciso emparellar cada auricular por separado).
O modo de funcionamento básico desta tecnoloxía consiste en empregar un dos auriculares como principal (que será o que e comunique co móbil) e o outro como secundario (conectándose ao outro auricular), pero tamén contarán cun modo Qualcomm TrueWireless Stereo Plus co que elimínase a necesidade de comunicación entre os auriculares, o que reduce o consumo enerxético e tamén facilita a xestión do consumo dos auriculares (que no seu modo básico teñen que alternar o rol principal para non provocar que un esgote a súa batería moito antes que o outro).
Para poder gozar do modo Stereo Plus teremos que contar con dispositivos baseados inicialmente en Qualcomm Snapdragon 845, plataforma móbil que tamén incorpora a posibilidade de enviar son sen fíos a varios auriculares e altofalantes de xeito simultáneo cunha sincronización perfecta. Deste xeito será doado montar festas con varios auriculares reproducindo a mesma música, escoitar a mesma música entre varios auriculares conectados a un único smartphone e incluso podería resultar de utilidade para visitas guiadas (que poderían realizarse con sinxelos auriculares Bluetooth en vez de solucións específicas para guías turísticas).

PUBLICIDADE