QPCtv.gal permitirá seguir en directo encontros das Ligas da Costa

xoves, 14 de outubro do 2021 Redacción

O vindeiro domingo bota a andar QPCtv.gal, unha nova iniciativa do diario Quepasanacosta en colaboración coa produtora SensorMedia que permitirá aos seus subscritores gozar de reportaxes sociais, culturais ou festeiras, aínda que o seu contido principal serán as retransmisións do Fútbol da Costa en directo.
A primeira retransmisión da canle de televisión virtual da Costa da Morte será o partido das Ligas da Costa no que se enfrontarán O Corme CF e o Soneira SD, e coa que abre a tempada na 1ª Galicia. Ao estarmos ante a primeira emisión, de xeito promocional poderá seguirse de balde, contando este directo con 4 cámaras, realización, grafismos, locutor (Antón Lestón), comentaristas (Alberto Pose e Óscar Leis) e humoristas (Dúo Minúsculo), despregamento moi pouco habitual para unha iniciativa privada en Galicia.
A partir da vindeira semana QPCtv.gal terá unha cota de 4 euros/mes, ofrecendo cando menos a cobertura en directo dun partido das 1ª, 2ª e 3ª Galicia da Costa cada semana, así como outros contidos. Esta iniciativa nace grazas á colaboración dunha boa relación de casas comerciais da zona.

PUBLICIDADE