Puntogal, COETG e AETG, presentes na feira Culturgal

venres, 1 de decembro do 2023 S. P.

O COETG-AETG (Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia) participan un ano máis na Feira das Industrias Culturais, a feira Culturgal (organizada pola asociación do mesmo nome), que se celebra entre os días 1 e 3 decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Farano da man da asociación PuntoGal, ao abeiro do seu acordo de colaboración.
O posto propio de PuntoGal (o stand número 40) acolle este ano unha serie de novidades con respecto ás anteriores edicións. Ademais, de acompañarse do COETG-AETG e da cadea alimentaria Gadis, a asociación pola visualización do galego na Rede presenta un stand participativo onde estarán presentes as entidades e iniciativas coas que colabora. Entre elas hainas de carácter cultural, coma a Real Academia Galega ou o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, e tamén de índole deportiva e educativa, coma a Federación Galega de Fútbol Gaélico, as Gaélico Escolas o programa Agasallo.eu da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, o Día das rapazas na TIC, iniciativa que parte do CESGA, e a First LEGO League de Galicia.
Tamén participan o Museo do Videoxogo (MUVI) de Cangas, a asociación Divulgacción, que organiza monólogos de divulgación científica, ou entidades que poñen o foco na solidariedade como a Asociación Galega de Afectados por ELA ou a Asociación Parkinson Galicia-Coruña.
Ademais, tamén están presentes entidades cun papel destacado na rede galega, coma Opentrad (o tradutor libre de galego), a Asociación de Medios en Galego, o Clúster da Comunicación de Galicia, Videoxogo.gal, Gciencia.gal ou a devandita Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia.

PUBLICIDADE