PuntoGal contribúe á dixitalización de negocios co programa Abre na Rede

mércores, 29 de abril do 2020 Redacción

PuntoGal, en colaboración con Dinahosting e Cdmon, lanza o programa Abre na Rede!, dirixido a empresas e autónomos afectados polo cesamento obrigatorio da súa actividade debido á crise sanitaria causada polo COVID-19. O proxecto consiste nun lote cun dominio .gal e aloxamento web, de balde durante un ano. Con esta medida, o dominio quere axudar no proceso de dixitalización dos sectores máis afectados pola pandemia: hostalaría, comercios, turismo ou cultural, entre outros.
Abre na Rede! é unha ferramenta que posibilitará aos autonómos e pequenos negocios que non dispoñan de actividade na Internet acceder sen custo a un dominio e aloxamento web durante o primeiro ano. Para beneficiarse desta iniciativa é preciso cumprir coas condicións da promoción, e o número de dominios dispoñibles é limitado, polo que as peticións se atenderán por orde de chegada.
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinalou que «esta crise aféctanos a todos, e todos debemos colaborar na súa solución. Por iso, dende o dominio queremos botar unha man para axudar aos comercios locais, bares, restaurantes ou salas de concertos que non poden abrir, así como aos músicos ou artistas que non poden actuar, a abrir unha fiestra na Rede na que poder seguir comunicándose cos seus clientes ou ofrecendo os seus servizos». «É importante axudar neste momento e tanto desde PuntoGal como desde os rexistradores que se sumen a este iniciativa queremos poñer nas mans do tecido económico máis afectado ferramentas para aliviar un pouco os efectos do confinamento e xerar novas oportunidades», engadiu.

PUBLICIDADE