Pump Express 3.0 permite cargar o móbil até o 70% en só 20 minutos

luns, 6 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Mentres a autonomía dos smartphones e outros dispositivos móbiles medran paseniño, os fabricantes buscan paliar esa molestia reducindo os tempos de carga, e nesta liña MediaTek lanzou a súa tecnoloxía Pump Express 3.0, que presume de ser a tecnoloxía de carga de baterías máis rápida até o momento, de xeito que un smartphone coa mesma podería completar a carga da súa batería até o 70% en só 20 minutos, o que é case o dobre de rápido que o seu competidor máis directo e até 5 veces máis rápido que un sistema de carga convencional. Con Pump Express 3.0 os usuarios tamén pode gozar de até 4 horas de conversa co seu móbil tras só 5 minutos de carga.
Pump Express 3.0 tamén presume de ser a primeira tecnoloxía deste tipo en aproveitar a carga directa a través de USB-C, integrando numerosas medidas de seguridade para evitar problemas de quecemento tanto no smartphone coma no seu cargador.
Deste xeito temos como MediaTek non só consegue gañar un bo anaco da torta dos smartphones de gama media grazas aos seus procesadores de elevado rendemento e prezo axustado, senón que tamén permite que os fabricantes poidan integrar sistema de carga rápida moi atractivos, que sirvan tamén de reclamo, de xeito que cada día poñen as cousas máis complicadas a Qualcomm, o seu principal competidor.

Vídeo de presentación da tecnoloxía Pump Express 3.0

PUBLICIDADE