Pulo no noso país ao desenvolvemento de servizos e contidos dixitais educativos

xoves, 10 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través da Estratexia 2011-2015 do Plan Avanza2 do Goberno central, pretende situal a España nunha “posición de liderado no desenvolvemento e uso de produtos e servizos TIC avanzados” que, entre outras cousas, melloren o benestar e a calidade de vida da cidadanía.
Do mesmo xeito, a Consellaría de Educación da Xunta, tamén quere situar ao noso país (ou máis concretamente ás entidades académicas do noso país) “nunha posición de liderado” a través do Proxecto Abalar co que está a dotar ás aulas galegas das infraestruturas tecnolóxicas máis avanzadas do panorama actual.
Ambas entidades, xunto co Ministerio de Educación, veñen de asinar un convenio de colaboración mediante o cal se comprometen a desenvolver servizos públicos dixitais no ámbito educativo, que leva por nome Educación en Rede, e que se enmarca no Progama Escola 2.0.
A firma deste documento trilateral permitirá, entre outras cousas, reducir a fenda dixital existente na nosa comunidade educativa, así como fomentar o desenvolvemento de proxectos de implantación TIC que melloren as condicións de ensino dos nosos nenos e nenas. Asemade, permitirá deseñar novo modelos de negocio para darlle pulo ao desenvolvemento da industria española tecnolóxico-educativa, e impulsar o uso eficaz das infraestruturas, aplicacións, contidos educativos e de capacitación existentes en Galicia.
O convenio prevé un investimento de preto de 3 millóns de euros que servirán, entre outras couas, para capacitar á comunidade educativa no uso das ferramentas TIC dispoñibles, para instalar novas aulas dixitais en centros públicos, para dotar das infraestructuras específicas ás zonas rurais e menos desenvolvidas e para reforzar as instalacións tecnolóxicas existentes nos centros.
En definitiva, estas axudas contribuirán a aumentar o desenvolvemento dos servizos públicos dixitais do ámbito educativo galego e dotarán ás aulas galegas (dende 5º de primaria ata 2º da ESO) de lousas dixitais interactivas, videos proxectores e ordenadores con conexión a Internet.
Tamén se prevé, mediante este convenio, a integración das TIC na educación preuniversitaria, de maneira que, co tempo, as devanditas entidades públicas xuntarán esforzos para levar as TIC a todo o ámbito educativo sen excepcións así como conexión á Rede de calidade en tódalas escolas e centros de ensino públicos.

PUBLICIDADE