Pulo europeo para o consorcio de ensino smart no que participa Gradiant

luns, 18 de xullo do 2016 Redacción

O proxecto IMAILE (Innovative Methods for Awards Procedures of ICT Learning in Europe), é unha iniciativa innovadora financiada co apoio do VII Programa Marco da Comisión Europea que se está a coordinar dende a cidade Halmstad (Suecia) e que achega recursos de utilidade a catro países en materia de PCP (contratación precomercial, un mecanismo semellante, con reservas, ao da compra pública innovadora). O instrumento PCP estalles a servir a estes catro países para estimular innovación en cooperación coa industria TIC europea, os Centros Tecnolóxicos e de investigación, e as PEME. O obxectivo de IMAILE é identificar novas tecnoloxías e servizos que aborden o reto de proporcionar a vindeira xeración de novas contornas de aprendizaxe (contornas PLE, polas súas siglas en inglés Personal Learning Environment) no ensino primario e secundario dentro das contornas das disciplinas STEM (Ciencias, Matemáticas, Enxeñarías e Tecnoloxía). Así nolo conta o Centro Tecnolóxico Gradiant, cuxa plataforma AMIGO foi seleccionada como unha das catro propostas gañadoras da fase 2 de IMAILE.
O proxecto IMAILE, por certo, artellará o proceso de selección en tres fases, ao remate das cales obteranse catro prototipos, dous dos cales empregaranse nun piloto a gran escala con profesores e estudantes dos catro países involucrados. O papel desenvolvido neste proceso pola plataforma AMIGO (Smart STEM Learning Ecosystem) está a ser moi salientábel, xa que non só foi elixida como unha das catro propostas gañadoras da fase 2, senón que resultou ser a proposta que obtivo a mellor puntuación entre todas as escolmadas. AMIGO, como lembraremos, é unha iniciativa presentada polo consorcio integrado por Edebé (editorial educativa), MyDocumenta (PEME innovadora de Barcelona que desenvolve software e contidos multimedia educativos) e o centro galego Gradiant.
AMIGO ten como obxectivo desenvolver unha contorna de inmersión que proporcione ás escolas de primaria e secundaria un enfoque de aprendizaxe centrada no estudante. Segundo informa Gradiant, AMIGO integra seis módulos (STEM Enriched Dynamic Profile, STEM Persoal Learning Environment, Authoring Tool, STEM Social Network, Learning Chart and Analytics, and Life-Long Learning ePortfolio) desde un punto de vista visual e funcional. E engade: “AMIGO ten como finalidade proporcionar un ecosistema integral que supón a vindeira xeración en canto a contornas persoais de aprendizaxe para as disciplinas STEM, incluíndo múltiples funcionalidades diferentes destinadas a aumentar a motivación dos estudantes para aprender estas materias e a mellora dos resultados do ensino mediante a adaptación do ensino ás necesidades dos estudantes”.

IMAILE, pioneiro en Europea

IMAILE é o primeiro proxecto a nivel europeo que aborda a aplicación das novas tecnoloxías da información no eido do ensino e a aprendizaxe electrónica, tanto desde o punto de vista da demanda como desde o da oferta. De feito, IMAILE establece unha canle de diálogo entre ambas as partes, o que lle permite centrarse nas necesidades reais dos usuarios finais (escolas, profesores e estudantes), dotándoos das ferramentas que precisan para, en palabras de Gradiant, “levar as aulas ao século XXI”.

Máis sobre AMIGO

O proxecto AMIGO (smArt steM learnInG ecOsystem) é un proxecto conxunto entre Edebé (editorial que lidera o proxecto), MyDocumenta (empresa catalá de creación multimedia) e Gradiant (Centro Tecnolóxico TIC de referencia de Galicia), que desenvolve unha nova solución TIC no sector educativo, abordando a necesidade de ofrecer ás escolas europeas, profesores e estudantes unha formación apoiada en solucións/servizos TIC para a aplicación de contornas personalizadas de aprendizaxe (PLE).
Segundo informa Gradiant, AMIGO non só se revela como unha solución completa que abrangue todo o proceso do ensino/aprendizaxe, senón que tamén salienta como un ecosistema que ofrece unha capa de intelixencia “nunca vista no pasado”, que mediante a análise de enormes cantidades de datos sobre o desempeño de alumnos e profesores, ofrece recomendacións e información para facilitar todo o proceso de aprendizaxe das materias STEM.
AMIGO, deste xeito, “ofrece un conxunto de ferramentas atractivo que realza o interese de estudantes e profesores polas materias STEM, co fin de acadar o proceso de ensino dunha maneira entretida”, explica o centro tecnolóxico galego, que tamén salienta que o proxecto é o resultado da combinación de tres entidades e que cada unha delas achega os seus desenvolvementos e experiencia ao produto final. Desta maneira, Edebé subministra o seu enorme catálogo de material educativo e o seu sistema PLE, MyDocumenta proporciona o seu ePortfolio e a súa Plataforma de Autoría, e Gradiant, pola súa banda, integra en AMIGO o seu sistema de análise avanzada de datos para eLearning (aprendizaxe a distancia) sobre este contido, “logrando así fornecer unha capa de intelixencia que facilita a toma de decisións dos docentes sobre o itinerario a seguir polos alumnos”.

PUBLICIDADE