Pulo á factura electrónica dende o Goberno central

luns, 15 de abril do 2013 Redacción

O director xeral de Red.es, Borja Adsuara

Ao Goberno interésalle que as súas empresas provedoras empreguen o sistema de factura electrónica. O porqué? Pois porque axilizan as operacións, é un servizo dispoñíbel as 24 horas do día, aforra trámites en papel e traballos dos empregados públicos e, ademais, achega unha serie de vantaxes para as empresas dignas de ser tidas en conta (seguridade, ausencia de desprazamentos). Para potenciar o uso destes formatos, os Ministerios de Industria e Facenda asinaron un acordo os día pasados. Entre as medidas a tomar, afianzarán un Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónicas (FACE) e promoverán o seu uso nas administracións públicas e as empresas que se relacionan con elas.
O convenio foi asinado polo director xeral da Entidade Pública Empresarial Red.es, dependente do Ministerio de Industria, Borja Adsuara, e a directora xeral de Modernización Administrativa do Ministerio de Facenda, María Ester Arizmendi. Segundo o acordo, que ten vixencia até o 31 de decembro de 2014, Red.es investirá 500.000 euros en impulsar o emprego da e-facturación por parte dos provedores da Administración Xeral do Estado e, en particular, do Punto Xeral de Facturas Electrónicas. A entidade público-empresarial fornecerá os desenvolvementos necesarios das aplicacións de facturación electrónica que ten dispoñíbeis o Ministerio de Industria para PEME e microPEME e prestará servizos de soporte na implantación do FACE, a través dun centro de atención a usuarios para responder as necesidades e problemas dos provedores da Administración Pública. Asemade, fixeron saber, “analizarase como compatibilizar as plataformas de factura electrónica que existen arestora no sector privado co FACE e capacitarase aos usuarios no seu uso”. Ao mesmo tempo, a Dirección Xeral de Modernización Administrativa ocuparase da evolución do Punto de Entrada de Facturas Electrónica e da súa correcta conexión cos sistemas de xestión económico-orzamentaria da Administración do Estado.

PUBLICIDADE