Publican unha versión preliminar do kit de desenvolvemento para Google Glass

mércores, 20 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que o proxecto de lentes de Google continúa afastado do mercado, continúa a xerar moito rebumbio mentres avanza a bo ritmo, e agora moitos desenvolvedores de todo o mundo van ter facilidades para realizar aplicacións para as desexadas Google Glass, pois veñen de pór a disposición do público a versión preliminar do Glass Developer Kit (GDK), que aínda non é unha versión completa do que será o kit de desenvolvemento final para Google Glass, pero que ofrecerá moitas máis posibilidades que a actual Mirror API.
Os desenvolvedores terán así acceso ao motor de recoñecemento de voz e incluso poderán realizar aplicacións que non precisen estar conectadas constantemente á Internet. Como exemplo do que se pode facer co novo GDK, Timothy Jordan realizou unha presentación na que podemos ver como os lentes de Google poden servir como asistente durante un paseo en bicicleta, para xogar con letras facendo un seguimento dos movementos da nosa cabeza, para traducir o texto que esteamos a ler (facendo uso da realidade aumentada) ou incluso para consultar receitas de cociña. É de agardar que cando haxa máis desenvolvedores que poidan ter acceso ás lentes, sexan moitas máis as utilidades que vaian xurdindo ao seu redor, creando unha serie de innovacións dirixidas a potenciar o emerxente sector do que dan en chamar wearable computing.


Demostración da versión preliminar do GDK

PUBLICIDADE