Publican un cómic en español na App Store de Apple

martes, 2 de xuño do 2009 Marcus Fernández

A editorial Saure vén de colocar na App Store de Apple por 2,99 euros o cómic La Carrera del Sol, de Txani Rodríguez, Nacho Fernández e Verónica Rosado, que é así a primeira banda deseñada en español para o iPhone e iPod Touch, o que abre ao grande público esta obra protagonizada por Manuel, un mozo peruano que vive en Australia e ten unha profunda conciencia ecolóxica (mensaxe que buscan transmitir aos lectores novos).
Para poder gozar do cómic no iPhone, a descarga de La Carrera del Sol inclúe o lector Ave/Comics, que facilita a lectura na pequena pantalla do móbil de Apple, combinando animacións, transicións e zooms automáticos para mellorar a experiencia lectora.
Cómpre destacar que este produto dixital inclúe as 52 páxinas completas do cómic orixinal que en España está á venda por 16 euros, polo que neste caso a versión electrónica non tería un prezo esaxerado (o que tamén é de agradecer).
Tampouco sobra lembrar que os comics para o iPhone non son algo novo, e incluso a galega Emma Ríos ten editado neste formato a súa obra Hexed, aínda que neste caso falamos dun cómic escrito en inglés.

PUBLICIDADE