Publicados en aberto os recursos formativos para acadar a certificación galega de e-competencias en ofimática

luns, 1 de decembro do 2014 Redacción

Seguimos a falar de Open Data e de Administración Aberta, cousas que teñen relación directa coa dispoñibilidade total e coa transparencia. Desta volta, o que se vén de liberar e dispoñibilizar son os materiais formativos para a obtención da Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática, CODIX. Así nolo deu a coñecer a AMTEGA, responsábel da publicación con licenza aberta destes recursos para a consecución do dito aval, unha certificación que acredita que a persoa titular conta coas capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no Plan formativo ofimático de Galicia.
Segundo sinala o organismo que preside Mar Pereira, esta certificación pode obterse mediante a superación dunha proba convocada para ese fin pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou ben a través da acreditación de posuír outros títulos equivalentes. Este programa pode seguirse na modalidade de autoformación a través do Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA) da Rede CeMIT co único requisito de ser usuario rexistrado maior de 16 anos. As cinco unidades formativas publicadas son: UF0319 - Sistema operativo, procura da información: internet/intranet e correo electrónico, UF0320 - Aplicacións informáticas de tratamento de textos: LibreOffice Writer, UF0321 - Aplicacións informáticas de follas de cálculo: LibreOffice Calc, UF0322- Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais: LibreOffice Base e, por último, UF0323- Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información: LibreOffice
Como dixemos, seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia, os materiais publícanse con licenza libre e en formatos abertos. Con esta publicación, engade AMTEGA, búscase incrementar “as posibilidades de autoformación por parte da cidadanía, e por outro lado promover e facilitar o reaproveitamento dos materiais por parte de centros educativos ou formativos que teñan interese en ofrecer formación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, CODIX”.
Todos os materiais publícanse coa licenza CC-by-sa, co que calquera persoa é libre de descargalos, empregalos, distribuílos, modificalos, etc sempre que recoñeza ao autor orixinal e en caso de que distribúa os materiais modificados o faga empregando a mesma licenza. Os materiais están dispoñibles nos seguintes formatos: elp, Scorm, pdf e epub.
Por último, AMTEGA lembra que tanto os formatos epub como pdf, serven para que calquera poida descargar e acceder aos contidos sen necesidade de ficar conectado, pero coa contrapartida de perder as posibilidades de visualizar vídeos, ou realizar exercicios de autoavaliación, para o que recomendamos seguir os cursos a través da plataforma EMA da rede CeMIT.

PUBLICIDADE