Publicadas no DOG axudas para levar á práctica o Plan de Banda Larga da Xunta

xoves, 3 de xuño do 2010 Raquel Noya

38 millóns de euros é unha cantidade que, malia que a moitos equipos de fútbol de España e do mundo non lle chegan para facer as súas fichaxes estrela (e nin con esas gañar unha liga), sí que poden facer moito por un país como o noso, sobre todo se se empregan para levar as Novas Tecnoloxías e Internet alá onde non se pode practicamente nin falar polo móbil.
Isto é o que pretende a Xunta co seu Plan de Banda Larga 2010-2013: levar a Rede a cada recuncho do noso país por afastado que estea das grandes cidades, e a teoría xa está a dar lugar á práctica, posto que o Diario Oficial de Galicia de hoxe (DOG), recolle a concesión de axudas, por valor de ata 38 millóns de euros, que concede a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en réxime de concorrencia competitiva, para a creación de novas infraestruturas previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013.
Trátase dunha cifra nada desprezable que servirá, entre outras cousas, para financiar a implantación de redes troncais de alta capacidade en núcleos de 100 habitantes nos que non presta servizo ningún operador así como para a extensión de redes de nova xeración en poboacións nas que se pode constituír unha importante demanda de acceso a este tipo de servizos, etc.
Segundo recolle o texto, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir de mañá e o obxectivo final é o de “comprometerse no despregamento e comercialización dunha rede de acceso de banda larga nos devanditos núcleos antes do ano 2013”.
Os responsables da iniciativa estiman que no período 2010-2012 “se vexan beneficiados ao redor de 100.000 habitantes”, que disporán de redes de transporte de alta capacidade capaces de habilitar redes de acceso a Internet mediante banda larga de calidade.
Asemade, para impulsar o despregamento de redes de nova xeración en núcleos nos que se pode crear unha importante demanda de acceso a este tipo de servizos, durante o transcurso dos vindeiros catro anos, a Xunta vai incentivar o desenvolvemento das redes de Nova Xeración (NGA´s) cun investimento de 28 millóns de euros.
A intención é “situar o noso país nunha posición punteira na implantación deste tipo de redes que, permiten fornecer servizos innovadores, mellorar a calidade ofrecida ao cliente e adaptarse máis rapidamente ás Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación”.
A estimación prevista polo Executivo é, xa que logo, “que no 2013 máis de 1 millón de habitantes se beneficien das Redes de Nova Xeración, que permitirán velocidades de servizo de 100 Mbps posibilitando así, o acceso a novos e máis avanzados servizos da sociedade da información”.
Ambas as dúas convocatorias forman parte do plan global para permitir situar a Galicia nun núcleo avanzado da sociedade da información, garantindo o despregamento de redes de servizo de banda larga de calidade nas zonas que actualmente máis o precisan así como, fomentando a competencia da oferta de servizo, con claros beneficios en custos, calidade e servizos para os usuarios finais.

PUBLICIDADE