Publicada na Portal da Lingua a segunda convocatoria anual das probas CELGA

luns, 4 de setembro do 2023 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou este luns 4 de setembro, no Diario Oficial de Galicia (DOG), e no Portal da Lingua Galega a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega (CELGA). Trátase da segunda convocatoria que a secretaría xeral que dirixe Valentín García efectúa este 2023 e nela prevese a realización dos exames correspondentes aos niveis CELGA máis solicitados: nivel 2, nivel 3 e nivel 4.
A realización destas probas celebrarase a segunda quincena de novembro e, de ser o caso, tamén a primeira de decembro, tanto en Santiago de Compostela como en Ponferrada. As datas concretas dos exames publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e mais no Portal da Lingua Galega.
O prazo para presentar as solicitudes de inscrición, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame (16,92 €) comeza este 5 de setembro, e remata o luns 25 do mesmo mes. Tanto as ditas solicitudes como o xustificante de pagamento poderán presentarse por vía electrónica, a través do formulario normalizado da sede electrónica da Xunta, ou de modo presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Os certificados de lingua galega (CELGA) poden obterse a través da superación destas probas que convoca periodicamente a Xunta de Galicia ou ben a través da validación de estudos nos supostos recollidos na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, na que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

PUBLICIDADE